Zona Franca e APD selan un protocolo de colaboración para a II edición do Vigo Global Summit
Trátase do primeiro acordo dunha alianza estratéxica entre ambas entidades que foi asinado hoxe en Vigo. A Asociación para o Progreso da Dirección apoiará a organización deste congreso económico, que volverá celebrarse en Vigo no mes de novembro.

A Zona Franca de Vigo e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) estableceron a posta en marcha dun marco de colaboración para traballar de forma conxunta e asinaron hoxe un primeiro protocolo polo que o Consorcio contará co apoio de APD na organización da segunda edición do Vigo Global Summit, o Congreso Económico que se volverá a celebrar na cidade en novembro. Este novo marco de colaboración foi subscrito nun acto na sede central do Consorcio vigués no que participaron o alcalde de Vigo e presidente do CZFV, Abel Caballero, o delegado do Estado, David Regades, o presidente de APD da Zona Noroeste, Francisco Botas, a directora xeral de APD, Emma Gómez, o subdirector xeral, Santiago Sesto, e a xefa do Servizo de Estudos ARDÁN de Zona Franca, Susana Lama.
Abel Caballero destacou a cooperación como palabra clave, dada a importancia dun acontecemento como o Vigo Global Summit. “A APD fortalece un evento tan relevante para Vigo como o Congreso Económico, evento que se forxa na relación entre Concello, Zona Franca e APD, en definitiva, mediante a colaboración público-privada”.
O delegado do Estado, David Regades, sinalou en que non se trata só de organizar un Congreso, “senón que esta alianza con APD é un compromiso mutuo para crear un espazo no que conflúan ideas, experiencias e proxectos que impulsen o desenvolvemento económico, empresarial e social en todas as súas dimensións”. O delegado asegurou que “os grandes desafíos aos que nos enfrontamos como sociedade e tamén as oportunidades que se abren #ante nós só poden abordarse desde o traballo colectivo. Hoxe máis que nunca, é momento de construír pontes, tecer redes de valor, compartir coñecemento e desenvolver solucións conxuntas”.
O presidente de APD Noroeste, Francisco Botas, fixo fincapé en que “a colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo é unha mostra do valor das alianzas entre institucións comprometidas co progreso económico e empresarial de Galicia e reforza a nosa vocación de favorecer unha xestión empresarial sólida e preparada para afrontar os retos tecnolóxicos e xeopolíticos aos que nos enfrontamos". Pola súa banda, a directora xeral de APD, Emma Gómez, destacou que “en APD levamos case sete décadas acompañando aos directivos e directivas no seu desenvolvemento. A nosa participación no Vigo Global Summit reflicte a nosa esencia: xerar coñecemento, anticipar tendencias e poñer ás persoas no centro da transformación empresarial.”

