Escoitar

Once novos murais encherán de cor as rúas de Vigo

Esta edición contará con artistas de 5 países e ten un orzamento de 450.000 euros. A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á subvención para ACOPOVI cun importe de 205.000 euros.

venres, 20 xuñ 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación do XI Programa de murais “Vigo, cidade de cor”. As obras contribuirán a recuperar e revitalizar a contorna e a paisaxe urbana e comercial, poñendo en valor o patrimonio da cidade. “Vigo ten unha luz especial e préstase moito a este tipo de arte”, dixo o alcalde.

Abel Caballero explicou que esta edición incorporará 11 novos murais" e que “cando o rematemos teremos máis de 190, sendo unha das cidades de Europa con máis arte ao aire libre e dunha calidade extraordinaria". Este ano o programa conta coa participación de artistas de Arxentina, México, Polonia, Grecia e España, singularmente de Galicia.

Estas son as obras que conforman o XI programa "Vigo, cidade de cor":

  • Alegría del Prado - “El brazo del mar y la tierra”, en rúa Rola, 116 (zona de Casablanca)
  • Carola Bagnato - “El mar no es solo un paisaje, sino un estado del alma” en Rosario Hernández Diéguez, 6 (Fátima)
  • Dafne Tree - “Petra e Mar”, en Santa Tegra, 71 (zona de Guixar)
  • Dante Arcade – Realizará unha obra que fusiona o Pop Art, a estética de Miami Vice, e a cultura do graffiti, con elementos del universo dixital nas pistas de baloncesto de Samil
  • Expostas - retrata a figuras como a pintora abstracta Berta Cáccamo, a muralista Lula Goce, a pintora Menchu Lamas, a pintora Almudena Fernández Fariña e a artista interdisciplinar Rut Martínez López de Castro, na rúa Palencia, 12 (Calvario)
  • María Ortega – “El presente desde el que miramos”, en Sanjurjo Badía, 184
  • Víctor García “Play in Colors”- pista de baloncesto e gradas do parque Ricardo Aldao Román na Salgueira
  • Ramón Amorós – Foi o gañador da última batalla mural. Muro da Asociación de Veciños de Cabral
  • Hugo Lomas “Sfhir” – Montecelo Alto, 62 (Teis)
  • Dimitris Trimintzios “Taxis” – Travesía de Vigo, 138
  • Vanesa Álvarez - completará o mural colaborativo do primeiro tramo da Avenida de Castelao, dende rúa O Grove ata o volcán

Programa de corais

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha subvención de 205.000 euros para ACOPOVI e así desenvolver o programa “Vigo, un mar de corais” por toda a cidade.

Caballero describiu como “actividade importantísima” o labor de ACOPOVI, que agrupa 39 corais con 1.500 coralistas que teñen unha función artística coral, facer música, e ofrecer concertos. “Ten tamén unha función social, seguiremos facendo música con ACOPOVI”, concluíu.

Descargar todas as imaxes