O IV Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático aborda os custes de afrontar a deterioración ambiental
O Concello de Vigo consolida a súa colaboración co Club Peña Trevinca e a Universidade de Vigo na nova edición do “Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo”, organizado non Día Mundial do Clima. A cuarta edición, presentada este xoves pola concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, celebrarase durante os días 18, 19 e 20 de marzo no Auditorio Municipal, e contará coa intervención de catro expertos en alpinismo, investigación e economía.

Nuria Rodríguez destacou hoxe o éxito das tres convocatorias do “Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo” polo traballo de concienciación ambiental desenvolvida coas xornadas organizadas entre o Concello, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia,e a UVIGO.
A edil destacou a participación de expertas alpinistas e escaladoras como Nieves Gil e Laia Duaigües, que o martes 18 de marzo abordarán o tema da amizade como factor fundamental para unha boa escalada; do investigador do CSIC e docente Fernando Valladares, que o mércores 19 desenvolverá o tema do decrecemento cara á nova prosperidade e do catedrático de economía da Universidade de Vigo, Xabier Lavandeira, que o xoves 20 falará do custo do cambio climático.
Participación
A secretaria do Club Peña Trevinca, Cristina Fernández, destacou a participación de duascentas persoas en cada unha das conferencias organizadas nos tres ciclos anteriores. Explicou que o contido deste ano xira, en parte, ao redor das consecuencias económicas que xera o cambio climático “porque xa coñecemos os seus efectos pero non coñecemos canto teñen que investir os gobernos en realizar adaptacións ao novo contexto”.
O ex presidente do club, Carlos Garrido, destacou o crecemento do Peña Trevinca en asociados e actividades.

