O Concello licitará en marzo a rampla mecánica de Serafín Avendaño
Abel Caballero avanzou que o importe será de 1.765.000 euros e inclúe a humanización da rúa no tramo entre García Barbón e o ascensor HALO. A rampla mecánica terá unha lonxitude de 30 metros e a pavimentación será en plataforma única.

Vigo sumará un novo elemento mecánico para a mobilidade sostible en Serafín Avendaño. O alcalde avanzou que no mes de marzo se iniciará a licitación da rampla mecánica e humanización desta rúa, no tramo entre García Barbón e o ascensor HALO. O importe será de 1.765.000 euros e terá un prazo de execución de 12 meses.
O alcalde detallou que a obra “salvará unha pendente moi acusada”. A rampla terá unha lonxitude de 30 metros e a pavimentación da rúa será en plataforma única. O proxecto inclúe nova iluminación led, renovación de semáforos e balizas luminosas no chan, renovación das redes de saneamento e abastecemento e novo mobiliario urbano.
Caballero puxo de manifesto que se trata dun elemento más do corredor que une a zona do Areal, Rosalía de Castro e García Barbón co Barrio de Ribadavia, utilizando a rampla mecánica en Serafín Avendaño, o ascensor HALO, as ramplas de Escultor Gregorio Fernández, a futura rampla en San Salvador para achegarse ata o ascensor que sube ata Pizarro e alí coller o ascensor ou a escaleira mecánica ata o Barrio de Ribadavia.
“Un novo corredor para salvar as montañas de Vigo e poder facer mobilidade cómoda con medios mecánicos”, concluíu.