Escoitar

O Auditorio Mar de Vigo acollerá en 2027 a XXX edición dos Premios Max das Artes Escénicas

Abel Caballero anunciou hoxe que a cidade será a sede da XXX Edición dos Premios Max das Artes Escénicas no ano 2027, que se celebrará o 3 de maio no Auditorio Mar de VIgo e que organiza a SGAE. Na presentación participaron o presidente da Fundación SGAE, Juan José Solana; o director xeral, Rubén Gutiérrez; o director en Galicia Miguel DIéguez, e o responsable do consello territorial, Teo Cardalda, amais da primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva e o edil de Cultura, Gorka Gómez.

mércores, 19 feb 2025

O alcalde apuntou este mércores a transcendencia dos Premios Max, constituído como o recoñecemento “máis prestixioso” das artes escénicas, e o orgullo da cidade por colaborar na trixésima edición que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo. “Nós queremos que en Vigo sigan enraizando as grandes mobilizacións culturais”, afirmou.
"Vigo é unha máquina de cultura que se está mobilizando con carácter permanente. Queremos que a celebración dos Max en Vigo contribúa a seguir facendo desta cidade unha fábrica de cultura ", destacou Abel Caballero ao sinalar a cita de 2027 como un “novo fito nesta forma tan especial de entender a cultura na cidade",

O rexedor trasladou aos directivos da SGAE a “satisfacción” por elixir a cidade como sede de entrega dos premios que en 2027 alcanzarán a trixésima edición e que terán lugar no Auditorio Mar de Vigo, un “centro de acción permanente coa cultura, nacido dos restos dunha fábrica reconvertida"; unha antiga factoría industrial que se transformou nun auditorio con capacidade para acoller a 1.500 espectadores. Tamén destacou a "empatía" e a "facilidade no traballo coa Fundación SGAE, que abre unha nova liña de comunicación para outras accións culturais no futuro "

Cada convocatoria do certame das artes escénicas nacionais movilizan a máis de 500 empresas e accións culturais, teatrais e de danza, destacou o alcalde. “É un tema en que a xeneralidade do país estará representado nas súas artes escénicas na trixésima edición en Vigo”, afirmou.

Vigo, fito especial

O presidente da Fundación da SGAE, Juan José Solana, asegurou que a cita no Auditorio Mar de Vigo converterase nun “fito especial” dentro da historia dos Premios Max.

Tras destacar a vocación “itinerante” da cita cultural, da que o Teatro García Barbón de Vigo foi escenario en 2003, Solana explicou que nas tres décadas de existencia dos premios un total de 17 cidades e 14 comunidades autónomas acolleron as cerimonias. “Para nós é unha honra volver a Vigo e poñer de manifesto a importancia desta cidade e o seu compromiso coa cultura e coas artes escénicas”, afirmou ao expresar o seu convencemento en que a colaboración “non quede nos premios Max”.

Descargar todas as imaxes