Escoitar

O Concello proxecta unha “rede de mobilidade con ramplas mecánicas” na Gran Vía

O alcalde avanzou este mércores a licitación da redacción do proxecto de instalación das ramplas mecánicas que conectarán Praza de España con Praza América a través da Gran Vía e que formarán parte dun novo eixo de mobilidade a través de elementos mecánicos nesa zona da cidade.

mércores, 6 nov 2024

Abel Caballero explicou que as novas ramplas permitirán conectar a zona das Travesas-Coia, a través de Praza de España, coa zona de Urzáiz-Príncipe. Serán instaladas no bulevar da Gran Vía, na parte de cemento, serán cubertas e conservarán o espazo natural de vexetación e as árbores existentes “na medida do posible”, salvando un “gran desnivel” co que a cidadanía poderá facer ese itinerario a pé en substitución do vehículo privado.

A previsión do goberno municipal é que o orzamento da obra se sitúe arredor dos 26 millóns de euros cos que “faremos un Vigo máis verde, máis eficiente en termos enerxéticos, un Vigo cunha tecnoloxía e mobilidade completamente distinto” xa que, segundo expuxo o rexedor, “estamos vendo que se fan millóns de viaxes a través das ramplas mecánicas”, engadindo que o ascensor Halo rematará este ano 2024 sumando 2 millóns de viaxes e as ramplas da Gran Vía sumarán unha ducia de millóns de viaxes. Avanzaremos, reiterou, nun “Vigo máis verde, con menos circulación de vehículos e maior fluidez do tráfico”.

A obra de instalación das ramplas mecánicas da Gran Vía ata Praza América incluirá melloras nas beirarrúas da Gran Vía e na conexión con elementos mecánicos desta arteria coas rúas Barcelona, Zaragoza, Zamora, Hispanidade, Sárdoma e A Salgueira. Nestas dúas últimas zonas o goberno municipal prevé a instalación de ramplas ata a Gran Vía para salvar “o desnivel importante existente”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes