Escoitar

O goberno municipal avanza na construción de 200 vivendas de protección en Santa Cristina de Lavadores

O goberno local segue traballando na procura de vivenda “asequible e sen especulación” como as 200 previstas en Santa Cristina. O alcalde anunciou esta mañá que xa comezou a tramitación urbanística dun ámbito que incluirá zonas verdes e unha praza pública.

mércores, 23 out 2024

O Concello iniciou a redacción do proxecto de urbanización do ámbito Santa Cristina- Bagunda (Parque Central) para construír unhas 200 vivendas sometidas a algún tipo de protección. Deste xeito, avánzase nos compromisos adquiridos durante o encontro que o alcalde mantivo coa directora do SEPES, cando se acordou cooperar no desenvolvemento do parque de vivenda en distintos ámbitos da cidade.

Tal e como explicou Caballero, unha vez entre en vigor o novo PXOM, en Santa Cristina xa se poderá iniciar o proceso de xestión e urbanización para obter os soares que se dedicarán a vivendas de protección pública "asequible e libre de especulación".

Ordenación detallada

O ámbito de 12.331 m² contará con 3.191 m² de zonas verdes e unha parcela de equipamento público de 1.161 m². As edificacións situaranse conformando unha praza aberta en soportais cara á contorna da igrexa. Os edificios ocuparán unha planta de 2.660,5 m² deixando no seu interior unha praza central de máis de 1.370 m² que tamén será pública en superficie.

Segundo Caballero, establecerase un viario perimetral á edificación que se conectará coa rotonda da contorna da igrexa, ademais de prever un itinerario peonil que, a través da zona verde, conectará coa devandita zona.

 

Descargar todas as imaxes