Escoitar

Xabier Alonso di que o Campionato de España infantil de baloncesto feminino reunirá aos 32 mellores equipos

Vigo albergará do 19 ao 25 de xuño a maior concentración de clubs da historia en disputa dunha competición dun deporte olímpico de equipo. O 27 Campionato de España de baloncesto infantil feminino celebrarase en catro recintos, Navia, As Travesas, Bouzas e o Polideportivo Universitario, e participarán por vez primeira 32 equipos polo título, con máxima representación galega ao clasificarse o campión de Galicia, Arxil Pontevedra, o Celta Maristas Novacaixagalicia (subcampión autonómico) e o Maristas Coruña, terceiro na Liga Galega.

martes, 10 mai 2011
1305030525baloncesto.JPG
Segundo indicou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, "este evento explícase por si mesmo, xa que era obrigación traelo. Non ten sentido a alta competición sen un traballo no deporte base, e eventos como este ilusionan". O concelleiro entende que un evento como este "non desmerece a ningún Mundial dos que se fixeron na cidade".

O campionato contará con 450 participantes entre xogadoras de 13-14 anos de idade e técnicos, que ademais moverán a familiares de todas as comunidades autónomas. "Veñen os mellores equipos de España, con grandes xogadoras, pero tamén hai un compoñente económico importante porque se van a encher os hoteis", sostivo o concelleiro nacionalista. A organización prevé 2.000 persoas entre familiares e acompañantes.

O novo multiusos de Navia será a sede central e os equipos repartiranse polos catro pavillóns nunha primeira fase de tres días con catro equipos en cada un dos oito grupos formados. Despois chegarán as eliminatorias que acabarán coa final o 25 de xuño ás 13:00 horas en Navia.

Ao acto acudiron o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; o director da área de Estudantes e Deportes da Universidade de Vigo, Michel Nombela; e en representación do club organizador, Felipe Carrascosa, directivo responsable das categorías inferiores do C.D. Bosco, e Sara Gómez, xogadora do Celta Indepo.

Carrascosa destacou que a esta xeración pertencía Claudia Fernández, xogadora do club falecida hai ano e medio. "Era moi importante para este equipo e estará na mente de todos". Pola súa banda, o presidente da FGB lembrou que dende 1987 non se disputaba un campionato de baloncesto desta magnitude en Vigo (o Estatal junior feminino) e considerou "fundamental" para o éxito continuado do baloncesto feminino o apoio á base, "que son os cimentos e o Celta estaos construíndo". Nombela, en representación da Uvigo, dixo que "é un deber como universidade colaborar nas actividades de formación".
Descargar todas as imaxes