Escoitar

Xabier Alonso anuncia que a Vigo Cup tamén se xogará no Municipal Pahiño e terá todas as finais en Balaídos

A Vigo Cup atópase a un mes do peche de inscrición e xa conta con numerosas solicitudes para a undécima edición, que se xogará do 4 ao 10 de xullo. Equipos de Castela-León, Andalucía, Portugal continental e Azores xa reservaron aloxamento para competir na edición do décimo aniversario do evento, que comezou en 2001. Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, asegurou que "este é un torneo consolidado; a competición é secundaria porque nenos e nenas van convivir nun torneo internacional que para moitos será a primeira vez que xoguen, e gozarán das Rías e de bos campos".

venres, 15 abr 2011
1302872283vigocup.JPG
O concelleiro nacionalista subliñou que este ano se incorpora ao grupo de instalacións da Vigo Cup o Municipal Pahiño, o campo de Navia, que "é unha marabilla", e que "por segundo ano consecutivo todas as finais van ser en Balaídos, iso é unha ilusión para nenos e nenas: xogarán onde o fan os seus ídolos". A novidade é que a categoría sub 16 feminina, que disputaba sempre unha liguiña sen final, terá tamén partido decisivo en Balaídos.

Laura Magdalena, xerente de VIDE, lembrou que a inscrición bonificada remata o 2 de maio (os clubs afórranse un 33% do custo da inscrición de cada equipo) e o 13 de maio finaliza o prazo para entrar na Vigo Cup 2011.

Por terceiro ano consecutivo Umbro, agora a través da firma Fusionize, patrocinará o torneo de penaltis. A Vigo Cup xógase con balón desta marca, "que ofrece apoio técnico e loxístico ao torneo", di a xerente de VIDE. Pablo Tojeiro, director de mercadotecnia de Fusionize, asegurou que a súa firma está "contenta e agradecida por poder apoiar ao deporte de base".

Como en anteriores edicións espéranse uns 3.000 participantes e máis de 190 equipos para as categorías mixtas sub 7, sub 8, sub 10 e sub 12 de fútbol 7, sub 16 feminina e Damas tamén de sub 7, sub 14 mixta de fútbol e sub 16 masculina de fútbol.
Descargar todas as imaxes