Escoitar

Vigo propón á Xunta a vía da excepcionalidade para construír vivenda social en Navia

O Concello sostén que é "legalmente posible" suprimir o tope de vivendas que establece o PXOM de 1993 para edificar a segunda fase do Plan Parcial de Navia pero, no caso de que a Xunta entenda que non se pode facer, o alcalde solicitará a aplicación da vía da excepcionalidade da Lei do Solo pola "urxencia" de atender a demanda das familias viguesas, que supoñen o 30% das solicitudes de vivenda protexida en Galicia.

venres, 6 mai 2016
Abel Caballero informou este venres de que os técnicos municipais defenden a legalidade da supresión do tope de vivendas a edificar que contemplaba o Plan Xeral de Ordenación Municipal do ano 1993, vixente arestora, respectando a edificabilidade prevista no Plan de 2008. Por iso, o Concello enviou un escrito á Xunta no que expón o amparo da Lei do Solo a este procedemento, o que permitiría iniciar a segunda fase do Plan Parcial de Navia "neste momento".

O alcalde referiuse ás declaracións realizadas polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, quen aseguraba que a anulación do PXOM de 2008 complicaba o desenvolvemento da segunda fase do PAU de Navia, polo que reclamaba medidas para facer viable o proxecto.

Caballero criticou que o goberno autonómico "leva sete anos sen facer nada" en Navia e anunciou que se a Xunta entende que non se pode levar adiante da forma na que o solicita o Concello, "esixiremos" a utilización da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese porque "cremos que a segunda fase do Plan de Navia ten que ter esa catalogación. Navia merece esa atención e as vivendas sociais xustifican a aplicación desa lei excepcional". Engadiu tamén que "máis do 30% dos demandantes de vivenda protexida de Galicia son cidadáns de Vigo", habendo 4.000 familias viguesas inscritas nese rexistro, polo que "urxe" a construción para "solucionar" a demanda de tantas familias viguesas.