Escoitar

Benestar Social destina 106.300 euros a cinco entidades que traballan nos eidos da discapacidade e a cooperación

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este xoves os convenios asinados con cinco entidades sen ánimo de lucro da cidade que traballan no campo da discapacidade e a solidariedade internacional, como son as asociacións Doa, Down, Fundación Menela, Asociación de Persoas Xordas de Vigo e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. A edil do BNG salientou que a contía total destes convenios é de 106.300 euros, que supoñen "un empuxe necesario para as asociacións e porque nas subvencións fallan outras administracións".

xoves, 31 mar 2011
1301587389Convenios.JPG
María Méndez afirmou que dende a Concellería de Benestar Social estase a apostar por conseguir unha sociedade "máis integradora e na que exista a igualdade de oportunidades". Indicou que a Consellería de Traballo e Benestar reduciu "sensiblemente" as axudas para as asociacións que traballan con persoas con discapacidade ao pasar dun orzamento de 2 millóns a 200.000 euros. Porén asegurou que "o Concello de Vigo mantén a súa aposta e os convenios. Cremos que é obriga das administracións públicas axudas ás asociacións".

A concelleira nacionalista explicou en que consiste cada un dos acordos, así como os seus obxectivos. Respecto ao acordo asinado coa asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui indicou que o convenio permite pagar o desprazamento dos nenos e nenas refuxiados no campamento de Tinduf que participan no programa Vacacións en paz. Indicou que cada ano participan entre 35 e 40 nenos e nenas. A representante desta asociación agradeceu a María Méndez tanto o apoio económico "como político", pese aos recortes. Apuntou que por mor da crise e o recorte doutras administracións produciuse un descenso do número de menores que viaxaron tanto a Galiza como ao resto do Estado.

No tocante ao convenios coa asociación de Persoas Xordas de Vigo, María Méndez indicou que financia un servizo de intérprete de lingua de signos para facilitar a asistencia ao médico, a cursos ou a despachos profesionais. A concelleira de Benestar Social destacou que é un servizo que ten moita demanda posto que cada vez é "máis coñecido e máis necesario". O representante desta entidade agradeceu á concelleira de Benestar Social o seu apoio porque é un servizo "que ten moito valor para poder facer calquera xestión" e recoñeceu que dende o Concello de Vigo non se fixeron recortes.

"A Fundación Menela leva moitos anos traballando no campo das persoas con espectro autista e en xeral coas persoas con calquera tipo de discapacidade", explicou a edil nacionalista. A concelleira salientou que o convenio destínase a un programa de respiro familiar para favorecer as necesidades de tempo que teñen as familias con persoas discapacitadas ao seu cargo. Este programa permite a estandía destas persoas nun piso rehabilitado pola Fundación no Casco Vello entre 1 e 3 días, no que ao longo do ano pasado acadáronse preto das 200 estancias. O representante desta asociación asegurou que este servio "é viable grazas ao convenio coa Concellería de Benestar Social", polo que agradeceu á concelleira o seu esforzo.

Respecto á Asociación Doa, María Méndez sinalou que o convenio ten o obxectivo de ofrecer actividades ás persoas con enfermidade mental xeralmente "moi cronificada" coas que traballa esta entidade co fin de "conservar e estimular as súas capacidades". A representante de Doa agradeceu á concelleira e ao Concello de Vigo "o esforzo feito nestes momentos difíciles". Apuntou que a asociación conta con 140 usuarias e usuarios.

A concelleria de Benestar Social destacou que o convenio coa Asociación Down destínase ao programa Móvome, que ten o obxectivo de promover o desenvolvemento das capacidades de autonomías das persoas con síndrome de Down. Apuntou que ten 65 usuarias e usuarios ao longo do ano. A representante desta entidade recoñeceu que dende comezos deste ano estanse a notar os recortes nas subvencións percibidas das entidades financieiras así como os axustes de persoal que dependen dos programas de cooperación.
Descargar todas as imaxes