Escoitar

O Museo do Mar busca seguir medrando en 2001 con novas mostras e actividades

O Museo do Mar de Galicia afronta este ano 2011 co obxectivo de consolidarse entre a poboación galega. Para acadar este fin deseñouse un plan de actividades e exposicións que virán a incrementar e potenciar as xa existentes. Deste xeito está prevista a incorporación de novas pezas, así coma o desenvolvemento dun plan que, baixo a denominación de A peza da quincena, se proporá dar a coñecer os bens exhibidos con explicacións dos mesmos durante as fins de semana a partir do vindeiro mes de febreiro.En canto ás exposicións temporais, o Museo centrarase este ano na Costa da Morte, abordando dous proxectos que gardan relación coa zona. Ademais, colaborará co Arquivo Pacheco co fin de valorizar a obra fotográfica do mesmo que garde relación coa temática mariña, e convocará por terceiro ano a bolsa de creación fotográfica O Mar.

xoves, 20 xan 2011
1295524659museodomar.jpg
O gabinete científico, un apoio para o Campus do Mar

Outra novidade de 2011 é a creación do gabinete científico do Museo, que exhibirá os resultados das campañas de investigación biolóxica desenvolvidas polas institucións científicas galegas, aos que hai que engadir a exposición da colección malacolóxica Boorman. Este gabinete será un dos alicerces da colaboración do Museo do Mar de Galicia coa Universidade de Vigo de cara á posta en marcha das actividades relacionadas co Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar. Neste sentido, porase unha especial énfase na necesidade de preservar os ecosistemas máis vulnerables do mar, como son os fondos coralinos de profundidade.

Cine quincenal e Peza da quincena

A partir de febreiro e en fins de semana alternas, organizaranse sesións de Cine-forum nas que se proxectarán distintos filmes que teñen en común a súa temática mariña. Estas actividades contarán cunha persoa experta no tema concreto que aborde cada película, así como coa colaboación dun cinéfilo que fará unha crítica da mesma.

Por outra banda, porase en marcha a iniciativa A Peza da quincena, un plan que tamén se desenvolverá nas fins de semana e que busca dar a coñecer o patrimonio que alberga o museo.

Exposicións temporais

O Museo ten previstas para este ano un total de sete exposicións temporais coas seguintes temáticas:

-Conservar a memoria. O Museo do Mar acollerá ata marzo esta mostra, que xa pode visitarse na actualidade. É a primeira das relacionadas coa Costa da Morte e resultou merecedora da segunda bolsa de creación fotográfica comisariada polo Centro de Estudos Fotográficos. Trátase dun traballo inspirado nos postulados artísticos ideados por Becher na súa cátedra do fotógrafo Düsseldorf e que traballa a paisaxe industrial doutrora, permitindo achegarse á memoria das mulleres e homes que traballaron no complexo mar-industria galego.

-Proxecto Costa da Morte. Esta segunda exposición centrada na Costa da Morte estará a disposición do público entre o 21 de xaneiro e o 8 de maio. Neste caso, a mostra está baseada na obra fotográfica de tres artistas: Gabriela Sacco, Luís González Palma e Fran Herbello. O proxecto conta cun sitio web propio onde se pode obter máis información ao respecto: http://proxectocostadamorte.wordpress.com.

-Darwin en Cabo Verde. Producida polo Museo de Historia Natural Luís Iglesias da Universidade de Santiago de Compostela, trátase dunha exposición sobre os resultados da comparación entre a diversidade biolóxica en moluscos observada por unha expedición científica a Cabo Verde que desenvolveron científicos galegos nos anos oitenta, e a obtida por Darwin na súa visita a esta illa no periplo do Beagle en 1832. Poderá visitarse entre o 15 de marzo e o 18 de setembro.

-O Mar na fotografía de Pacheco. Entre o 31 de marzo e o 16 de outubro chegará o turno do legado fotográfico de Pacheco. O Museo facilitará o positivado dos negativos e placas que sexan de interese para realizar unha exposición monográfica sobre o Mar no arquivo. Neste caso, producirase un catálogo en colaboración co Concello de Vigo, que participa no proxecto.

-Bueu: unha bota de altura. No último trimestre do ano, a nave central do museo acollerá unha pequena exposición da maquinaria utilizada na industria familiar de Xosé Riobó, que comercializaba botas de caucho baixo a marca comercial Botas Bueu. Esta industria fabricou durante décadas as que foron as botas máis utilizadas polos mariñeiros galegos dos caladoiros de altura.

-Terceira Bolsa de Creación fotográfica O Mar. Coincidindo coa inauguración da exposición gañadora da II bolsa de creación fotográfica –que poderá coñecerse ata o mes de marzo-, lanzarase a terceira convocatoria que, igual que as precedentes, primará a base conceptual e teórica do proxecto artístico presentado, xunto coa capacidade técnica de levalo adiante.

-Guerra Submarina en Galicia durante la II Guerra Mundial. Baseada nunha idea de Eduardo Rolland, esta exposición busca poñer en valor a historia da presenza dos sumerxibles U-Boot alemáns nas costas galegas, así como contextualizar a relevancia de Galicia como base loxística da flota de somerxibles alemáns e investigar os contactos coa poboación local, nomeadamente os mariñeiros. Poderá visitarse entre o 26 de novembro deste ano e abril de 2011.

Investigación

Os esforzos do Museo no ámbito da investigación centraranse en tres proxectos:

-Historia do corso. Recompilación de distinto material con vistas a unha exposición sobre o corso galego nos séculos XVIII e XIX.

-Historia das factorías de Balea. Recompilación con vistas a unha exposición sobre a actividade baleeira en Galicia. Para o vindeiro ano colaborarase na edición dun libro alegórico ao respecto en colaboración cos responsables do Departamento de Bioloxía Animal da Facultade de Bioloxía da Universidade Central de Barcelona.

-Historia da pesca do arrastre e do cerco en Galicia. O pasado ano iniciáronse conversas con diversos investigadores co gallo de levar a cabo proxectos sobre a historia das pescarías de cerco americano e arrastre en Galicia, facendo unha aproximación holística a ambas en relación aos seguintes aspectos: ecosistemas, especies e caladoiros; economía; tecnoloxía da construción naval; tecnoloxía sistemas de pesca; relacións sociais; asociacionismo e movementos sindicais; transformacións portuarias e inmobles e patrimonio inmaterial asociado.

Actividades para a promoción e salvagarda do Patrimonio Marítimo

O feito de que o director do Museo, Pablo Carrera, ostente desde o pasado setembro un posto no Comité Executivo de Patrimonio Marítimo Europeo (EMH) resultará fundamental de cara a que o Museo poida xogar un papel importante como axente asesor e dinamizador de entidades interesadas na salvagarda do Patrimonio Cultural Marítimo de Galicia. Este marco de colaboración nacional e internacional verase así mesmo reforzado pola secretaría da Asociación de Museos e Centros de Patrimonio de España, que tamén asume o Museo.

Obradoiros didácticos durante todo o ano

Á marxe do programa didáctico xeral do Museo e do Centro Salinae, neste 2011 organizaranse durante todo o ano unha serie de obradoiros con distintas temáticas. A programación completa prevista é a seguinte:

-Obradoiro de Nadal. Consistirá en actividades lúdicas relacionadas co Museo.

-Día Mundial da meteoroloxía, WMD. Esta data conmemorarase mediante actividades relacionadas coa meteoroloxía e o mar entre os días 22 e 27 de marzo.

-Día Internacional dos Museos. Un ano máis, o Museo celebrará esta xornada, aínda que os actos centrais se trasladan ao 18 de maio ao ser festivo o 17.

-Día Mundial do Medio Ambiente, WED. Estoutra conmemoración desenvolverase ao longo da primeira semana de maio, na que o Museo acollerá distintas actividades relacionadas co medio ambiente e o mar.

-Obradoiros de verán. Como novidade deste ano, valorarase a posibilidade de desenvolver un campamento de verán.

-Semana da Ciencia. Celébrase no mes de novembro.

-Obradoiros de fin de semana. Desenvolverase as fin de semana nas que non haxa outro obradoiro específico. A súa finalidade é dar a coñecer aspectos relevantes das exposicións do Museo a través de actividades lúdicas dirixidas a familias.

Actividades complementarias

Ademais, a este amplo programa de actividades hai que engadir, entre outras, a celebración do vixésimo aniversario da recuperación da lancha Xeiteira Marina e o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Por último, o Museo traballará xa durante este ano no desenvolvemento previo a dous proxectos expositvos previstos para 2012: un sobre a fábrica de envases de conserva A Artística e outro acerca das crebas –refugallos cegados do mar que son reutilizados con diferentes fins.
Descargar todas as imaxes

Máis información