Escoitar

Santi Domínguez presenta o cartel gañador do concurso da Festa da Reconquista que se vai presentar en FITUR

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves o cartel gañador do V Concurso da Festa da Reconquista, realizado por José Manuel Gorís co título "Bandeiras de loita e liberdade", que servirá para presentar este evento mañá en Fitur. O nacionalista destacou que a Reconquista está xa consolidada como a festa "máis importante do calendario cultural vigués", debido especialmente ao arroupe popular, que crece ano a ano.

xoves, 20 xan 2011
1295530624Reconquista.JPG
Santi Domínguez salientou que o arranque da Reconquista e a presentación do cartel divulgativo coincide coa celebración da feira de turismo máis importante do mundo, FITUR. Neste sentido, indicou que mañá terá lugar a presentación de Vigo na feira "e algo que sempre está é a festa da Reconquista, a nosa festa", que se celebrará os días 26 e 27 de marzo.

O tenente de alcalde, ademais de felicitar ao gañador do concurso, que recibiu un premio de 800 euros, tamén felicitou aos gañadores dos dous accesits concedidos, Carmen Almeida pola obra "Kuki" e Ignacio Prieto pola obra "Aurora", que recibirán un premio de 300 euros.

O nacionalista lembrou que o ano pasado a festa estreou unha nova ubicación, a Porta do Sol. Ao seu xuízo, a utilización deste espazo "axuda na procura do obxectivo de recuperar o Casco Vello como lugar emblemático da cidade". Avanzou que na edición deste ano tamén se manterá esta ubicación, pero que xa se está traballando nas novidades da festa en colaboración coa Asociación Veciñal do Casco Vello.

O presidente da Asociación Veciñal do Casco Vello, Cándido Pérez, agradeceu ao tenente de alcalde o seu apoio e "contribución decisiva" para a realización da festa. Ademais expresou aos tres gañadores o recoñecemento do xurado polo seu esforzo e a "calidade, orixinalidade e adecuación da mensaxe que se quere transmitir" dos traballos presentados.

Destacou que se está traballando para "pechar os detalles" da Reconquista 2011, na que se inclúe como novidade a celebración dunha "cea aberta". O presidente avanzou que para participar é preciso cumprir dous requisitos: vestir de época e aboar o prezo, "que será aseguible", apuntou. Indicou que nas vindeiras semanas se confirmará o lugar de celebración, xa que a día de hoxe hai "dúas ou tres opcións posibles".

Cándido Pérez explicou tamén que está aberto o prazo para presentar as solicitudes de instalación de postos, que o ano pasado chegaron a 190. "Eles tamén contribúen a animar a festa", asegurou. Por outra banda, avanzou que o sábado, 26 de marzo, terá lugar a presentación dos personaxes participantes e o domingo será a representación. Finalmente, indicou que este ano contaremos cun equipo de son con "condicións máis axeitadas" á celebración da festa na Porta do Sol.
Descargar todas as imaxes