![]() |
![]() |
|||||
| Noticias |
|
|
Un informe dunha empresa externa garante que o zoo de Vigo cumpre coa legalidade vixente A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou hoxe venres un informe encargado a empresa Wildwets sobre o estado actual de VigoZoo e o seu grado de cumprimento coa legalidade. Ademais do cumprimento da lei, os técnicos externos recoñecen as melloras realizadas no zoo, a súa seguridade, a adaptación paisaxística en marcha e o bó estado dos animais. Segundo as cifras ofrecidas por Lago, o goberno local investiu sobre un millón de euros en VigoZoo nos últimos dous anos.
En rolda de prensa, Chus Lago asegurou ter encargado este novo informe para coñecer -de mans dos expertos- a situación do zoo e o seu grado de cumprimento da lei. O resultado do estudo arroxa que "este zoo cumpre coa lei", polo que agarda que o que está a elaborar a Xunta de Galicia sexa tamén favorable e definitivo. Segundo detallou a edil, o informe recoñece as melloras realizadas, en proceso e en planificación do VigoZoo e indica que o recinte garante a seguridade dos animais e dos visitantes. O texto tamén valora a adaptación paisaxística dos distintos espazos, que está xa en marcha, e o bó trato e as axeitadas instalacións dos distintos exemplares animais. Por outra banda, a auditoría externa estima de xeito especial a laboura pedagóxica e de sensibilización que realiza VigoZoo e que sitúa ao parque de Vigo como "referente" a nivel estatal, segundo afirmou Chus Lago. A concelleira indicou que este informe recoñece o esforzo municipal na mellora do zoolóxico vigués, e recordou que, nos dous últimos anos, a Concellería que dirixe investiu sobre un millón de euros en melloras de VigoZoo. |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||
© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003 |