Escoitar

O Consello Consultivo de Galicia informa favorablemente a reforma do contrato de Emorvisa proposta polo Concello

luns, 24 set 2001
O Consello Consultivo de Galicia acaba de remitirlle ao Concello o seu dictame favorable á proposta de resolución aprobada pola Corporación municipal para reformar o contrato de constitución da Empresa Mixta de Servicios Mortuorios de Vigo S.A. (Emorvisa). O dictame favorable foi aprobado por unanimidade.

Na resolución do Consello Consultivo apúntase que non hai obstáculo xurídico para que, de mutuo acordo, se introduzan os cambios propostos nos estatutos de Emorvisa: reducción da participación do Concello no capital social a un 10%, supresión de toda referencia á xestión de servicios municipais en réxime de empresa mixta e imputación á nova empresa do carácter de ser de duración indefinida.

Respecto á transferencia das accións, o Consello Consultivo sinala que haberá de aterse á lexislación mercantil “tratándose dunha modificación societaria imposta por esixencias de adaptación ao novo réxime legal, a transferencia a Funeraria Viguesa de 1230 accións das 1530 que pertencen arestora ao Concello... non debe ser avaliada como unha forma de realización do seu valor, senon como medio instrumental para a consecución dun fin máis amplo, favorecedor da conservación dunha estructura empresarial xa consolidada no sector, baixo criterios de utilidade pública, economía e eficacia”.