Escoitar

A exposición "O himno. Os tempos son chegados" conmemora no Verbum o centenario do himno galego

O centenario da primeira interpretación do himno galego, que tivo lugar na Habana en 1907, é o eixo central da exposición "O himno. Os tempos son chegados" que dende hoxe e ata o vindeiro 27 de abril se pode visitar na Casa das Palabras. A mostra, que foi presentada polo concelleiro de Cultura, Xesus López, o secretario xeral de Relacións Institucionais de Vicepresidencia, Xoán Antón Pérez-Lema, e o comisario da exposición, Miguel Anxo Seixas, e está integrada por dez paneis que levan por título versos do propio himno, composto pola música de Pascual Veiga e os versos de Eduardo Pondal.

martes, 25 mar 2008
1206454077himnoverbum29.JPG
"A mostra permite percorrer a historia do noso himno dende o seu nacemento, ata a actualidade, pasando pola época da prohibición absoluta e a tolerancia que trataba de misturalo co amplo repertorio folclórico galego", explicou Xesus López na súa intervención, quen sinalou que Vigo é a quinta cidade que acolle a mostra, tras o seu percorrido por Ponteceso (vila natal de Eduardo Pondal), Mondoñedo (vila natal de Pascual Veiga), A Coruña e Lugo. Neste sentido, o secretario xeral de Relacións Institucionais de Vicepresidencia, Xoán Antón Pérez-Lema, amosou o seu agradecemento ao concelleiro de Cultura e ao tenente de alcalde, Santi Domínguez, por ser Vigo unha das cidades en acoller esta mostra "de homenaxe a un dos nosos sinais de identidade".

O comisario da exposición, pola súa banda, salientou que a mostra explica, a través dos diferentes paneis, a situación xeográfica do territorio onde acontece a nosa historia no panel que leva por título "Na costa verdecente"; os devanceiros arquitectónicos e epónimos galegos, no panel "Confín dos verdes castros"; a orixe e o significado do escudo galego e a lenda de Breogán, no panel "Fogar de Breogán", a lingua e a literatura galegas, no panel "A nosa voz pregoa"; a creación do Panteón de Galegos Ilustres, no panel "Os bos e xenerosos"; o significado da bandeira de fondo branco e franxa azul, no panel "Non des a esquecemento"; a importancia da música, as cantigas medievais, os bailes e danzas como identidade galega, no panel "O noso rouco son"; as datas e épocas conmemorativas, no panel "Nazón de Breogán"; a historia do himno e o seu autor, en "Desperta do teu sono"; e a letra orixinal do himno, no panel "Os pinos. Himno Galego".

A exposición poderase visitar de martes a domingo de 10 a 19 horas con entrada gratuíta.
1206454077himnoverbum29.JPG
1206454090himnoportada.jpg
Descargar todas as imaxes