Escoitar

FADEMGA e o Concello poñen en marcha unha campaña a favor das persoas con discapacidade intelectual

A Federación de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA), coa colaboración do Concello, pon en marcha a partir deste martes a campaña de sensibilización "Mírame coma eu te miro. A Discapacidade Intelectual, coñécea", que pretende que a sociedade coñeza o traballo que se realiza na nosa comunidade a prol das persoas con discapacidade intelectual.

martes, 6 nov 2007
1194357549fademga061107.jpg
A campaña, que será levada posteriormente a outras cidades de Galicia, iníciase en Vigo grazas á pronta resposta e colaboración do Concello, que cede de xeito gratuíto o espazo para a colocación de 40 mupis que permanecerán durante 15 días en diversos puntos da cidade. "Mírame coma eu te miro" tamén conta coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

FADEMGA pon en marcha esta iniciativa co obxectivo de que a sociedade galega coñeza o seu traballo e o que son capaces de facer as persoas con discapacidade. Ás persoas con discapacidade intelectual "hai que coñecelas polas súas habilidades e capacidades, non polas súas carencias", indicou o presidente da Federación, Eladio Fernández, durante a presentación da campaña este martes no Concello, nun acto que contou coa presenza e o apoio do alcalde, Abel Caballero, e da concelleira de Benestar Social, María Méndez.

Nesta mesma liña, María Méndez mostrou o seu desexo de que a cidadanía viguesa "sexa cada vez máis consciente de que somos xente diversa e que as persoas con discapacidade entran dentro desa diversidade". En relación a esta, Méndez afirmou que "queremos que sexa igualdade", e con este fin, sinalou, a atención ás persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual "vai ser unha das nosas prioridades".

FADEMGA é unha federación sen ánimo de lucro na que están asociadas 41 entidades galegas que traballan a favor das persoas con discapacidade intelectual en ámbitos como o do traballo, a familia, o ocio, o deporte, a formación e a integración social. As entidades federadas ofrecen un total de 160 servizos a máis de 4.700 persoas con discapacidade intelectual através dos 93 centros con que contan en Galicia. Arredor de 9.400 persoas están asociadas en FADEMGA para apoiaren o labor que realizan día a día 1.373 profesionais e máis de 1.200 voluntarios.
Descargar todas as imaxes