Escoitar

Un novo deseño museístico para a cidade de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Cultura, Xesús López, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, presentaron este venres no Concello o novo deseño museístico que albergará a cidade de Vigo.

venres, 14 set 2007
1189770204planmuseistico140907.jpg
O tenente de Alcalde, Santiago Domínguez, xunto cos concelleiros de Cultura e Patrimonio Histórico, anunciaron este venres o novo Plan Museístico de Vigo. Dende fai anos, segundo salientou o tenente de alcalde, a cidade carecía dunha globalización para que os museos teñan unha planificación conxunta, polo que existía unha necesidade imperiosa da reestructuración dos museos da cidade. O novo deseño museístico consiste, polo tanto, nunha rede de museos que permitirá optimizar os recursos e facilitar o coñecemento do patrimonio municipal.

Esta política cultural entorno aos museos, engloba cinco liñas principais de actuación. A primeira delas sería a transformación do Museo de Castrelos no Museo de Historia e Prehistoria de Vigo, que será un reflexo do nacemento da cidade e amosará cáles foron as claves da súa creación. Ademáis, a obra pictórica que alberga este museo trasladarase ao que será a segunda das liñas deste plan, unha Pinacoteca Municipal que englobará todas as obras pictóricas que se recollen nos museos da cidade e que pretende ter a súa ubicación no edificio do Areal.

Por outra banda, o museo virtual de O Verbum convertirase nunha referencia galega do patrimonio inmaterial de Galicia, do norte de Portugal e de Vigo, ademáis dun espazo para que os novos creadores vigueses, vinculados ao mundo da imaxe e a lingua, poidan amosar os seus traballos.

Do mesmo modo, na Casa das Artes habilitarase un espazo para a creación dunha fonoteca, onde se presentarán o Arquivo Pacheco, os Fondos de Fotografías Profesionais que ten Vigo e todos aqueles arquivos novos que vaian incorporando. Por último, o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo non sufrirá ningunha modificación e seguirá desenrolando a mesma función.

Paralelamente á posta en marcha desta rede de museos, o Concello levará a cabo unha campaña moi ambiciosa para dala a coñecer, que contará coas seguintes iniciativas: en primeiro lugar se publicitará, por medio dunha Guía Municipal, as diferentes actividades culturais que ten a cidade e levaráse a cabo un circuito que racionalice as visitas que se poden facer. Ademáis, os vigueses e viguesas, con posible ampliación a todas aquelas persoas que conformen a Área Metropolitana, poderán coñecer o patrimonio de Vigo de forma totalmente gratuíta, e, por último, coa colaboración da concellería de Xuventude, a través do programa "Noites Vivas", preténdese ampliar os horarios dos museos para todos aqueles mozos e mozas que queran facer as visitas de noite.
Descargar todas as imaxes