Escoitar

José Ángel Cuerda avoga pola peonalización e cidade sostible

mércores, 19 set 2001
imx566.jpg
Zona peonal
A conferencia que ofrece hoxe José Ángel Cuerda, no Centro Cultural Caixanova, con motivo dos actos organizados polo Día Europeo sen Coche tratará sobre a peonalización e cidade sostible. Cuerda explica que a peonalización non é unha acción illada, posto que precisa dun novo modelo de cidade no que se desmitifique o automóbil dos atributos outorgados desde o punto de vista económico ou ambiental.

José Ángel Cuerda foi alcalde de Gastéiz durante 20 anos e no seu mandato creáronse zonas peonais na cidade, puxéronse en marcha carrís-bici e desenvolvéronse campañas para potenciar o uso racional do automóbil. ”A cidade estase asfixiando e para evitalo débeselle dar máis protagonismo ó cidadán a pé, enmarcado isto nun novo modelo de cidade sostible máis ecolóxico”, manifesta.

Cuerda fala tamén dos inconvintes da proliferación de automóbiles e busca resposta nas medidas que se poden tomar de cara a obter un desenvolvemento sostible. ”A estratexia para conseguir unha cidade sostible pasa pola educación entendendo a cidade como auténtica pedagoxía. Ademais, necesítase dun liderazgo político e da participación responsable e comprometida dos cidadáns”, afirma.

Vigo adhírese este ano por vez primeira á campaña do Día Europeo sen Coche que se celebra o vindeiro 22 de setembro. Entre as actividades programadas están exposicións, conferencias, concertos, teatro, roteiros polo centro histórico, carreiras de patíns, patinetes e bicicletas e unha marcha ciclista para nenos e maiores. Habilitaranse tamén zonas peonais e de aparcamento e incrementarase o servicio de transporte público.
Descargar todas as imaxes