Escoitar

Teatro Aforo pecha a Mostra de Teatro Vigués coa obra "Eloxio da loucura"<br />

A Mostra de Teatro Vigués, que comezou o pasado domingo, chega ao seu fin da man de Teatro Aforo, que serán os encargados de clausurar a mostra, este xoves 9 de agosto ás 23:00 horas na Praza do Rei, coa obra "Eloxio da loucura".

xoves, 9 ago 2007
A compañía Teatro Aforo fúndase na cidade de Vigo en 1998, ano dende o cal participa no proxecto Vigo a Escena do Concello de Vigo. O grupo teatral, dende os seus inicios, realizou oito montaxes teatrais, entre os que destaca "El cepillo de dientes" de Jorge diaz, finalista do VIII Certame Nacional de Teatro para Afeccionados da Cidade de Benavente e do IV Certame de Teatro Enxebre de O Grove.

A obra "Eloxio da loucura" é unha dramaturxia de Leonel García Laborde, baseado no ensaio de Erasmo de Rotterdam, quen fora grande humanista, teólogo, filósofo e filólogo francés. Esta obra é unha crítica satírica da sociedade da época do s. XVI, na que todas as clases sociais son analizadas, sen piedade, pola loucura, entendéndoa como estupidez, quen en primeira persoa pronuncia un discurso perante un auditorio de eruditos. Pasaron cinco séculos e as cuestións plantexadas entón seguen sendo as mesmas: os ricos e os pobres, os poderes das institucións políticas e relixiosas, a sabeduría e a ignorancia, os medos, a estupidez e a codicia. Por todo isto, Teatro Aforo retoma estes temas na súa nova proposta teatral, para rir e reflexionar.

O encargado de traducir a obra foi Manuel Enrique Vázquez Buján, e os que se subirán ao escenario para darlle vida serán César Aldea, Sara Marcet, Edgar Costas e Francelina Méndez. "Eloxio da loucura" escenificarase na Praza do Rei, de non ser que chova que o escenario sería o Auditorio Municipal, con entrada gratuíta até completar aforo.