Escoitar

Continúa o verán no MARCO

Diferentes actividades permanecen no programa de verán do Marco e non rematarán até finalizado o verán. Algunhas delas mesmo se poderán visitar en outubro.

mércores, 8 ago 2007
1186573536marcomarco.jpg
No primeiro andar do Museo pódese visitar a exposición "DOPPELGÄNGER. O dobre da realidade", que trata sobre o problema do rexistro da realidade dende diferentes puntos de vista, así como da substitución do acontecemento "real" mediante a súa deformación. Por outra banda, "Retratos doutro século", tamén no primeiro andar, é unha exposición que recolle unha selección de fondos da Colección Fotográfica do Concello que permite analizar algúns dos momentos clave da historia da fotografía. Ambas as exposicións poderán visitarse durante todo o verán no Marco. A primeira até o 1 de outubro e a segunda até o 9 de setembro.

Na planta baixa, O Marco recolle a exposición de Carlos Rial, un proxecto onde o artista investiga o significado das intervencións site-specific no contesto museístico, e que se pode visitar até o 26 de agosto. Seguindo co percorrido da planta baixa encontramos "A viaxe Dislocada. Videoviaxes e turismo", exposición que reúne unha serie de traballos en vídeo que nos invitan a reflexionar sobre a vida burguesa de décadas anteriores, e que permanecerá no Museo até o 9 de setembro.

"Novos horizontes. Artistas contemporáneos de Francia" tamén con ubicación na planta baixa do Marco, é unha exposición que reúne un conxunto de creadores franceses que nos últimos anos comezaron a despuntar na escena artística internacional e que abordan temas moi latentes no panorama social, político e cultural da Francia actual. Esta exposción, que se pode visitar até o 23 de setembro, está relacionada cos obradoiros infantís de verán "Unha volta á Galia". Esta iniciativa, que o Marco pon en marcha, é un programa didáctico para nenos onde poderán coñecer mellor o país francés a través da súa historia, habitantes e manifestacións culturais e artísticas. Estes obradoiros permanecerán abertos até o 8 de setembro na sala de exposición e Laboratorio das Artes, no primeiro andar.
Descargar todas as imaxes