Escoitar

¿Quen é quen na nova Corporación?

Trece concelleiros do Partido Popular (PP), nove polo Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE) e cinco en representación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) conforman a nova Corporación Municipal viguesa.

sábado, 16 xuñ 2007
Concelleiros do PP

Corina Porro Martínez
Ferrol. 53 anos. Diplomada en Enfermería. Concelleira de Benestar Social do 1995 ao 1999. Directora xeral de Servicios Sociais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia de 1999 a 2001. Deputada autonómica polo PP de 2001 a 2003 e conselleira de Asuntos Sociais de 2002 a xaneiro de 2003. Alcaldesa de Vigo de decembro de 2003 a xuño de 2007.

José Manuel Figueroa Vila
Mos. 45 anos. Empresario e concelleiro no Concello de Vigo desde 1987, na actualidade é o Secretario Xeral do Partido Popular de Vigo e Vicesecretario Xeral do Partido en Galicia. Concelleiro de Deportes, Comercio e Turismo do 1995 ao 1999. Entre 2003 e 2007 foi primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Medioambiente, Vicepresidente da Diputación de Pontevedra da área económica e presidente do Padroado de Turismo "Rías Baixas".

Javier Guerra Fernández
Vigo. 42 anos. Empresario e licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago. Economista e máster en Dirección de Empresas pola Universidade do Sur de California. Foi director comercial da división de calzado de Nike para España e Portugal. Conselleiro delegado da multinacional americana Skechers. De 2003 a 2007 foi concelleiro delegado de Economía, Facenda, Persoal, Patrimonio e Contratación.

Lucía Molares Pérez
Vigo. 38 anos. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e diplomada en Dereito. Funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia. Foi directora de Gabinete do Secretario de Estado para as Administracións Públicas e directora provincial do Sergas. Na Corporación anterior foi segunda tenente de alcaldesa e concelleira da Área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, cargo polo que dirixiu os departamentos de Emprego, Turismo, Comercio, Deportes, Muller, Xuventude e Voluntariado.

Antonio Martiño Gómez
34 anos. Diplomado en Relacións Laborais pola Universidade de Vigo. Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. D.E.A. en Dereito do Traballo e Letrado do Tribunal de la Rota. Exerceu como xuíz substituto desde 2000 ata 2005 e na actualidade é letrado asesor do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.

Elvira Larriba Leira
45 anos. Licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Museoloxía, pola Universidade de Santiago, e técnico en Documentación. Completou a súa especialización nas áreas de Historia da Arte, Xestión Cultural e Coordinación editorial. Na actualidade desenvolve o seu labor profesional no Museo "Quiñones de León" de Vigo.

Carlos Comesaña Abalde
58 anos. Estudou Formación Profesional e Dirección Técnica de Carpintería. En 1987 incorporouse como vocal á Entidade Local Menor de Bembrive, da que foi alcalde pedáneo desde 1998 ata 2003. No anterior mandato foi concelleiro de Vías e Obras.

Jorge Conde Gil
37 anos. Licenciado en Dereito pola Universidade de Navarra. Ademais ten estudos de Doutorado e título de experto en Dirección de Administracións Públicas pola Universidade de Vigo e Caixanova. Na actualidade exerce como avogado e é vocal de Dereitos e Garantías do Comité do PP de Galicia.

Antonio Coello Bufill
60 anos. Licenciado en Dereito e funcionario de carreira do Corpo Superior de Inspectores de Traballo e Seguridade Social. Entre outros cargos, ten sido xefe de equipo de Inspección na Inspección Provincial de Traballo en Vigo e, desde 1994, foi delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local na provincia de Pontevedra. Concelleiro de Mobilidade e Seguridade no anterior mandato.

Marta Iglesias Bueno
36 anos. Licenciada en Filoloxía Inglesa e Máster en Organización e Dirección Turística e en Desenvolvemento Local e Emprego. Na actualidade é axente de emprego e desenvolvemento local. No mandato 2003-2007 foi concelleira de Servizos Sociais e Participación Cidadá.

Miguel Fidalgo Iglesias
36 anos. Licenciado en Ciencias Empresariais e en Ciencias Económicas e Máster en Dirección Comercial e Márketing. Técnico superior de información especializada no Instituto Galego de Promoción Económica. Traballou en comercio exterior (ICEX) nas Embaixadas de España en Chile e Portugal.

Marián García Míguez
34 anos. Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é directora da Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra e exerce como psicóloga en Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres e na Asociación Galega de Glaucoma. Ademais, é coordinadora do Proxecto de "Mañás Vecinais" para a Federación Veciñal "Eduardo Chao".

Javier González Sagarra
37 anos. Enxeñeiro Agrónomo pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Madrid. Máster en Tecnología e Control dos alimentos e Programa en Dirección e Xestión de Empresas. Na actualidade é Xerente de Lípidos para Alimentación Animal e presidente de Distrito de Lavadores do PP de Vigo.


Concelleiros do PSdeG-PSOE

Abel Caballero Álvarez
Ponteareas, 1946. Catedrático de Economía e doutorado na Universidade de Cambridge. Foi ministro de Transportes entre 1985 e 1988, presidente do PSdeG-PSOE e, nos dous últimos anos, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.

María Jesús Lago Rey
Vigo, 1964. Única alpinista española en escalar o Everest sen osíxeno artificial, e terceira na historia. Viguesa e Galega distinguida, ademais de medalla de Bronce da Real Orde do Mérito Deportivo. Ten o título superior de Deportes.

Santos Héctor Rodríguez
Desde hai 14 anos ata época recente foi secretario comarcal de UXT. O seu labor no ámbito sindical iniciouse no comité de empresa de El Corte Inglés.

Isaura Abelairas Rodríguez
Directora do C.E.I.P. Emilia Pardo Bazán de Vigo desde 1993, Abelairas ten unha intensa vida política. Así, ten sido concelleira, deputada provincial, presidenta da Comisión da Muller, membro dos comités Comarcal e Nacional do PSdeG e do Comité Federal do PSOE.

Ángel Rivas González
Desde 1997 foi director xerente dunha empresa vinculada á construción. Conselleiro no Padroado da Universidade Popular de Vigo. Foi membro da Executiva Local e do Comité Nacional do PSOE. É secretario de Organización e Acción Electoral en Vigo.

Laura López Atrio
Licenciada en Psicopedagoxía e profesora de Educación Secundaria no Instituto Politécnico, Laura López é militante activa do PSOE desde hai 17 anos. Ten desenvolvido unha intensa actividade con asociacións de mulleres e colectivos de igualdade de xénero.

Raquel Díaz Vázquez
Doutora en Economía, profesora da Universidade de Vigo e vicedecana de Relacións con Empresas na Facultade de Económicas. Ten publicado numerosos traballos científicos e participado en proxectos de investigación e congresos nacionais e internacionais.

Xulio Calviño Rodríguez
É profesor titular na Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo. Na actualidade é portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE e ademais foi membro da Executiva Galega e Local. Fundador da Asociación de Veciños do Calvario.

Carlos López Font
50 anos. Licenciado en Ciencias Políticas. Iniciou a súa vida sindical en 1982, sendo secretario xeral da Federación de Servizos Públicos de UXT de Pontevedra. Foi membro do Comité Nacional do PSdeG-PSOE. Traballa no Porto desde 1992.


Concelleiros do BNG

Santiago Domínguez Olveira
Vigo, 1964. Foi director xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e concelleiro no Concello de Vigo de 1995 a 2005. No período 1999-2003 foi responsable de Deportes, Xuventude, Sanidade e Consumo. De xullo a outubro de 2003 foi concelleiro de Cultura. É diplomado en Ensino e traballou como profesor de galego, inglés e lingua española. Posúe o título de adestrador nacional de baloncesto.

María Xosé Méndez Piñeiro
Portonovo, 1955. Licenciada en Medicina, é especialista de Medicina Interna no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e foi profesora de Tecnoloxía Sanitaria. Pertence á Asociación en Defensa da Sanidade Pública, a Médicos sen Fronteiras e a Médicos do Mundo. Entrou na corporación viguesa en xullo de 2003 e foi concelleira de Participación Cidadá.

Francisco Xabier Alonso Pérez
Vigo, 1950. É operador técnico de Telefónica. Foi concelleiro na primeira corporación democrática de 1979 no Concello de Vigo e candidato do Bloque Nacionalista Galego ao Congreso nas primeiras eleccións democráticas do ano 1977. Foi responsable local e comarcal do BNG e participou activamente na formación do sindicalismo nacionalista. É atleta veterano do Club Veteranos de Samil.

Iolanda Veloso Ríos
A Coruña, 1972. Licenciada en Tradución e Interpretación. É profesora asociada na Universidade de Vigo e tradutora e intérprete na empresa Galingua C.B., da que é administradora. Conta cun máster en Dirección de Negocios Internacionais e fixo o secretariado bilingüe na Coruña. Foi a profesora mellor valorada da Universidade de Vigo polo alumnado nas enquisas de avaliación docente no curso 2004-05.

Xesús López Carreira
A Coruña, 1957. Licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio. É director do Instituto de Educación Secundaria Pedras Rubias de Salceda de Caselas e antes foi director do CPI Altamira do mesmo municipio. Foi responsable local do Bloque Nacionalista Galego e fundador do Club de Xadrez Altamira.

Elena Maure Noia (concelleira delegada)

Vigo, 1974. É arquitecta e urbanista. Conta cun curso de postgrao en Ordenación e Desenvolvemento Territorial e un máster en Rehabilitación e Renovación Urbana. Ten colaborado cos equipos dos arquitectos César Portela, Carlota Eirós e o estudo de S. Fraga, J. Quijada e M. Portolés. Colaborou coa consultora de patrimonio natural e cultural Eidos e forma parte do equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.