Escoitar

Vigo será a sede do ISIE 2007, o maior congreso internacional de electrónica industrial

Vigo acollerá do 4 ao 7 de xuño o congreso ISIE 2007, o maior evento mundial no ámbito da electrónica industrial. As xornadas, que terán lugar no Centro Cultural e o Centro Social Caixanova, contarán coa asistencia de máis de 600 enxeñeiros procedentes de 62 países.

mércores, 25 abr 2007
1177503775electronica250407a.jpg
O ISIE, siglas en inglés do Simposio Internacional de Electrónica Industrial, é un congreso anual que desde a súa primeira edición en Xian (China) en 1992 ten percorrido todos os continentes. A candidatura de Vigo foi presentada polos profesores do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo Juan José Rodríguez Andina e José Fariña Rodríguez e aprobada pola Sociedade de Electrónica Industrial (IES) por diante de propostas como a de Viena. Deste xeito, especialistas de todo o mundo acudirán a Vigo para exporen os últimos avances en alta tecnoloxía.

O ISIE 2007 conta co apoio da Sociedade de Electrónica Industrial, do Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos (IEEE), que é a maior organización profesional de carácter tecnolóxico do mundo, así como da Sociedade de Enxeñeiros de Control e Instrumentación de Xapón (SICE). Dada a súa relevancia internacional, o evento será patrocinado polo Concello, Caixanova, a Universidade de Vigo e o Ministerio de Educación e Ciencia.

O comité organizador do ISIE 2007 recibiu cerca de 1.000 contribucións, o maior número ata o de agora na historia do congreso, das que se seleccionaron as 610 de maior calidade. As ponencias abranguen os seguintes campos: sistemas de control industrial, electrónica de potencia, máquinas e accionamentos eléctricos, procesado de sinal e imaxe, informática industrial, mecatrónica e robótica e sensores, actuadores e integración de sistemas.

Os avances nestas disciplinas supoñen unha revolución no mundo industrial, con aplicacións en diversos campos. Así, no da alimentación dan lugar á potenciación da cata de viños, a través da descomposición do recendo en parámetros de medición para conseguir unha valoración máis obxectiva dos caldos. Mentres tanto, no sector da automoción, a electrónica industrial está avanzando na optimización dos rendementos nos novos vehículos híbridos.

Os avances na medicina veñen da man do desenvolvemento dos sensores, a electrónica e os sistemas para aplicacións biomédicas. Con estas melloras favorécense medidas como a localización de sondas dentro do corpo humano, a redución do risco de desprendemento de retina ou infección en operacións oftalmolóxicas e de laceración en persoas de reducida ou nula mobilidade.

No sector téxtil estase experimentando coa aplicación de sistemas de medición da temperatura corporal para obter enerxía a través da diferencia coa temperatura exterior, para facer funcionar aparatos portátiles como unha radio. Outros estudos que se están realizando actualmente diríxense á mellora das técnicas para a obtención de enerxías renovables, favorecendo a súa rendibilidade.

Dada a importancia económica e empresarial das aplicacións da electrónica industrial, o congreso contará coa presenza de destacadas marcas do sector. Así, presentaranse ponencias de compañías como Audi Electronics e Siemens (Alemaña), Alstom Transport e Thales Communication (Francia), Hitachi e Sony (Xapón), Samsung e Poscon (Corea do Sur), Ferroatlántica, VMB Española, Ikerlan e Robotiker (España), Intelligent Automation, Semtech e General Electric (EE.UU.), General Electric (India), Philips e NXP Semiconductors (Holanda), Vacon Oyj (Finlandia), Intel e IMI (Israel), STMicroelectronics, Smartex e Sortron (Italia), Jiangsu Complete Equipment (China), Havelsan Ehsim e PAVO Electronic (Turquía), Goodrich Corporation (Reino Unido) e Praxair (México).

A relación entre as investigacións e as producións industriais analizarase na mesa redonda "Investigación orientada ás aplicacións industriais". Outras ponencias e mesas redondas incluídas no programa son as dedicadas ás enerxías renovables, os microsistemas e a nanotecnoloxía, o control de procesos por Internet, a iluminación industrial e as aplicacións biomédicas.

De xeito paralelo ás actividades do congreso celebraranse distintas reunións de comités e asociacións nacionais e internacionais, entre as que destaca a da asociación "Women In Engineering", que reunirá as principais mulleres enxeñeiras a nivel internacional.
Descargar todas as imaxes