Vigo acolle a primeira exposición en España de Tamara de Lempicka
A Fundación Caixa Galicia presentou esta mañá na Casa das Artes de Vigo a primeira retrospectiva dedicada en España á xenial artista Tamara de Lempicka, unha figura lendaria da cultura popular e das artes plásticas do século XX.
Ata o vindeiro 15 de xullo, os afeccionados á arte de toda Europa poderán asistir a unha das exposicións máis completas de cantas se consagraron á vida e obra de quen é hoxe xa unha das artistas máis influentes da arte moderna.
A mostra, cunha montaxe que recrea o cosmopolitismo e a sofisticación do París de entre guerras cunha escenografía que reconstrúe o seu famoso estudio da rúa parisiense de Méchain, exhibe en total 43 óleos e 15 debuxos, 21 fotografías, un audiovisual biográfico e diversos obxectos persoais da artista, pezas reunidas grazas á colaboración de numerosos museos e coleccións, tanto públicas como privadas, de Europa e Norteamérica, principalmente.
A vida de Tamara de Lempicka préstase á lenda. Dende Polonia, onde naceu en 1898, viaxou primeiro a Sant Petersburgo e logo a París, Nova York, Hollywood e, finalmente, a México, onde faleceu en 1980.
A artista participou plenamente na vida artística e social do seu tempo, facendo da súa vida "unha extraordinaria posta en escena", en palabras do comisario da mostra, Emmanuel Bréon.
Marcada polo postcubismo e o manierismo modernista, Tamara de Lempicka era esencialmente a retratista da alta sociedade nun momento crucial na historia moderna, pero as súas afeccións e afectos convertérona nunha icona do modernismo.
Os seus cadros, de cor e composición a miúdo agresivas e espectaculares, recorren a un sentido gráfico que se achega á publicidade e que a converteu nunha figura emblemática do período de art decó.
O conxunto da súa obra, deslucida durante moitos anos polo brillo da súa propia personalidade e pola súa celosa intimidade, permaneceu case oculta ata os anos oitenta, cando se comeza a coñecer o impoñente e rotundo legado artístico de Tamara de Lempicka.
A EXPOSICIÓN
A mostra da Fundación Caixa Galicia presenta ao mesmo tempo diferentes e coincidentes facetas de Tamara de Lempicka: a muller artista, grazas a varias das súas obras mestras; a muller "glamourosa", grazas a unha excepcional colección de fotografías orixinais e os seus accesorios de moda; a muller moderna que se rodeou dos mellores arquitectos e deseñadores; e, finalmente, a muller e a súa entorna, presentando algunhas das personalidades que frecuentou na súa vida (André Gide, Gabriel d'Annunzio, Romaine Brooks, Alexandre Iacovleff, Alexandre Zinoviev, Helena Rubinstein, Nana de Herrera, Natacha Carlu ou Paul Poiret, entre outros).
1. A artista
Todas as obras que se presentan na Casa das Artes de Vigo son significativas na traxectoria de Tamara de Lempicka, do seu estilo e da súa vida, sempre intimamente ligados.
‘Le chinois’, datado en 1921, é representativo dos inicios da artista, de aquela alumna de André Lhote en La Grande Chaumière. O seu mestre amosoulle entón as diferentes declinacións do postcubismo, pero enseguida xurdiu o estilo propio de Tamara, síntese de varias influencias (manierismo italiano, liña ingresca, cubismo decorativo), sempre segundo o comisario da exposición Emmanuel Breon. Era sobre todo retratista, e adquiriu un estilo moi persoal: pintura fría, distante, onde de forma paradoxal se mestura unha gran sensualidade.
Colleu os seus modelos fundamentalmente do rico mundo da aristocracia e a burguesía, como ‘La duquesa de La Salle’, que encarna á amazona da época, a emancipación feminina, que, orgullosa, afirma a súa posición social. Unha silueta célebre da vida noctámbula dos anos tolos de entre guerras, Suzy Solidor, cantante de cabaré e amiga íntima da artista, reivindica o dereito aos amores sáficos, como no caso de Marjorie Ferry, "unha moderna odalisca".
Todos os retratos mostran unha inquietude permanente pola estética. A beleza feminina obedece a criterios recorrentes: cabelos louros, boca carnosa, languidez da ollada…
A época crea novos modelos de expresión. O cine glorifica a muller fatal, a publicidade multiplica a imaxe dos manequíes e Tamara inspírase nisto cando pinta Saint-Moritz, que amosa en todo o cadro a unha fermosa esquiadora, cun tratamento que remite ao cartelismo publicitario. Ata os tres retratos de Kizette, a súa filla, magníficas imaxes da infancia, teñen certo poder de sedución.
A inclinación natural da artista por representar o mundano marcaba unha actitude cara 1934. Tamara sufriu entón unha grave depresión e os seus temas evolucionaron cara asuntos máis tráxicos: relixiosos, como ‘La madre superiora’, ‘Virgen al niño’, e políticos, como ‘La huida’ ou ‘Los refugiados’, onde a pintora deixa percibir as súas angustias, as súas dúbidas.
A súa marcha a América amosa un cambio radical de estilo. A súa arte distante volveuse grácil, como se pode contemplar en ‘La mujer del sombrero’. Os seus modelos, ‘La mexicana’ e as súas naturezas mortas desvelan unha nova etapa desposuída do halo glacial do período de entre guerras. "La exposición", segundo o comisario, "mostra perfectamente a evolución artística de toda unha vida e permite apreciar todos os aspectos da arte de Tamara de Lempicka".
Ao lado da pintura, a obra gráfica da artista amósase a través de vinte preciosos e rarísimos debuxos. As súas influencias conducen a Ingres, Greuze e os manieristas italianos. Formada por Maurice Denis y André Lhote, Tamara de Lempicka mostra, segundo os expertos, unha seguridade de trazo (como nos seus ‘Desnudos’ ou o seu ‘Autorretrato’) que a sitúan entre os grandes debuxantes do século XX.
2. O glamour e a moda
Unha extraordinaria selección de fotografías de época (tamén moi raras, conservadas polo coleccionista Alain Blondel) permítenlle ao visitante revivir a "Tamara, la estrella" posando para os máis grandes fotógrafos e modistos franceses e italianos: Camuzzi, Jaulmes, Joffé, D'ora, Lorelle, Schiaparelli, Gravot, Bonney...
Tamara de Lempicka pintou e debuxou a miúdo para as revistas e os periódicos, como Die Dame en Alemaña. Esa foi tamén unha das súas ambicións, tanto que algúns dos seus cadros servirán de portadas ou de carteis (‘Saint-Moritz’ ou o célebre ‘Autorretrato en Bugatti’).
Nesta parte da exposición móstranse numerosos efectos persoais da artista, como vestidos (o que levou na inauguración do paquebote France) e xoias, completados cunha colección de augadas orixinais ou patróns de pintar da época, obra dos mellores debuxantes do momento, moitos dos cales foron amigos seus: Henri Léal, Georges Lepape, Alexandre Zinoviev, André Marty, Paul Iribe, Paul Poiret.
3. O modernismo
En París, vivindo soa, e separada do seu marido, Tadeusz de Lempicki, Tamara quixo dar fe do seu compromiso coa modernidade e ser "unha muller do seu tempo". Pediulle a Rob Mallet-Stevens, presidente da Unión de Artistas Modernos (UAM), que lle instalara o seu estudo da rúa Méchain.
Mallet-Stevens traballaría en colaboración con Adrienne Gorska (irmá de Tamara), que casara cun colaborador de Mallet-Stevens, Pierre de Montaut.
Esta parella moderna ía construír moitas salas de cine na capital francesa. O estudio foi amoblado por René Herbst (as cadeiras), Louis Sognot (butaca), Adrienne Gorska (bar americano, jette-habit, butacas, coxíns) e decorado con esculturas de Chana Orloff e Jan e Joël Martel.
Todos estes obxectos exhíbense na montaxe final da exposición, deseñada polo escenógrafo Enrique Bonet, no que se concerte nunha extraordinaria oportunidade para contemplar estes mobles por última vez, antes de ser levados, ao clausurarse esta exposición, a poxa.
A reconstrución do seu estudio da rúa parisiense de Méchain realizouse a partir de diversas biografías e duna película encontrada dos arquivos Pathé, que agora se amosa en Vigo.
Nesta extraordinaria peza audiovisual os visitantes poden contemplar a Tamara de Lempicka no seu propio decorado, o seu estudio, pintando á súa amiga Suzy Solidor, cantante de cabaré.
4. A muller e a súa contorna
Tamara de Lempicka era unha muller do seu tempo, a pesar de non frecuentar os surrealistas e desmerecer á alta sociedade parisiense, "demasiado snobs para o seu gusto", segundo os comisarios da mostra.
Era unha muller da noite, que quixo recibir no seu estudio a algunhas personalidades da súa época. Gustáballe que a visitasen os seus amigos do exilio, os rusos Alexandre Iacovleff, Alexandre Zinoviev, Chana Orloff, ou Natacha Carlu; a polaca Sarah Lipska, que retratou a Helena Rubinstein e Paul Poiret; a checa Sharko Joffé, pianista; a escritora lesbiana Romaine Brooks ou André Gide; tamén Lazare Volovick, os irmáns xémeos Jan e Joël Martel, escultores, ou Ossip Zadkine.
Frecuentou outros retratistas, como Jacques-Emile Blanche (exhíbese na mostra o seu retrato de Mallet-Stevens), Jean-Gabriel Domergue (autor do retrato á actriz Féval) ou Marcel Gimond (de quen se amosa o seu retrato de Foujita).