Escoitar

O Concello convoca o premio de investigación "Festa da Palabra" sobre a contribución das mulleres na sociedade galega do século XX

A concellería da Muller e a Asociación "Feministas Independentes Galegas" convocan o IV PREMIO DE INVESTIGACIÓN «FESTA DA PALABRA» 2006/2007 co que se pretende mostrar os avances das mulleres nos aspectos sociolóxicos, económicos e culturais, así como a súa contribución á sociedade galega do século XX.

martes, 17 abr 2007
1176807575festapalabrapremio2.jpeg
As bases establecen que o tema será "As traballadoras das industrias na área metropolitana viguesa". No traballo deberá reflectirse: o marco histórico, os aspectos sociais, económicos, demográficos, así como a tasa de actividade feminina, a estabilidade laboral, nivel educativo, estructura do cadro de persoal, o tipo de labor realizado polas mulleres, así como calquera aspecto vinculado á súa productividade dentro da factoría.

O traballo pode abordar a evolución dunha fábrica concreta ou dun sector. O xurado valorará o rigor científico, as fontes primarias de investigación, o material gráfico así como o material de apoio documental achegado.

Ao premio poderán participar investigadoras e investigadores de todo o ámbito estatal. Os traballos estarán escritos en lingua galega, sen límite de extensión.

O prazo de presentación remata o 1 de setembro de 2007, ás trece horas e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo (Praza do Rei s/nº 36201 Vigo). Deberán entregarse debidamente encadernados e baixo un lema nun sobre, no que se indicarán os seguintes datos: Concellería da Muller "PREMIO FESTA DA PALABRA INVESTIGACIÓN". Dentro deste sobre terá que incluírse outro debidamente pechado no que se indique no exterior o lema do traballo e dentro conterá os datos persoais: nome e apelidos, enderezo, teléfono, fotocopia do DNI e breve currículo.

O xurado estará presidido pola concelleira da Muller do Concello de Vigo, e integrarano a directora da Festa da Palabra silenciada Investigación, e tres persoas relevantes no ámbito da investigación seleccionadas por acordo entre a directora da revista e o Concello.

O xurado poderá considerar deserto o premio se ao seu xuízo os traballos presentados non reúnen os requisitos propostos.

A decisión do xurado darase a coñecer no mes de setembro de ano 2007, mediante rolda de prensa no Concello de Vigo.

O premio, único e indivisible, consistirá nunha dotación económica de 4.200 Euros, ademais da súa publicación dentro do ano en curso. A persoa premiada, recibirá 15 exemplares da edición.

A Asociación "Feministas Independentes Galegas" baixo convenio de colaboración coa Concellería da Muller comprométese á publicación da obra premiada cunha edición de mil exemplares (para a distribución polo Concello de Vigo de 600 exemplares e a venda de 300 a través dunha distribuidora que ingresará o importe ao Concello) na revista: Festa da Palabra silenciada Investigación. A persoa premiada cederalle ós dereitos de propiedade á directora da revista para editar o traballo nesa publicación.

Unha vez comunicada a decisión do xurado, os traballos non premiados poderanse retirar polas súas autoras e autores nas dependencias da Concellería da Muller nos vinte días seguintes á comunicación da decisión.

Cumprido este prazo os documentos pasarán a formar parte do fondo
bibliográfico da Concellería da Muller.
Descargar todas as imaxes