Escoitar

Continúa aberto o prazo para inscribirse no obradoiro de Nelson Villalobos no MARCO

O artista Nelson Villalobos dirixe do 23 ao 27 de abril no MARCO un obradoiro de pintura dirixido a artistas, estudantes de Belas Artes e disciplinas afíns e público interesado. O prazo de inscrición está aberto ata o sábado pola mañá.

martes, 17 abr 2007
O obxectivo deste obradoiro é promover unha serie de actividades prácticas que lle permiten ao participante achegarse á actividade da pintura, así como adestrarse en determinadas formas convencionais de representación e na especialidade técnica, exercitando a capacidade de uso de diversos materiais.

Neste obradoiro analizaranse obras de arte tendo en conta os seus compoñentes e valores comunicativos, e intensificando a experiencia artística e creativa para unha mellor comprensión da realidade.

O enfoque é eminentemente práctico, con análises gráficas da estrutura dunha obra para estudar os elementos que a compoñen, as súas formas de combinación, e a súa capacidade de comunicación.

Ademais, a través de explicacións teóricas e exercicios prácticos analizados conxuntamente co director do obradoiro, os participantes adquirirán unha clara comprensión das dimensións da cor, da composición, do movemento, das relacións e da transformación das estruturas habituais de relación co noso contorno como estímulo para a creación.

Información xeral

Dirixido por: Nelson Villalobos (Cuba, 1956)
Número máximo de prazas: 20
Lugar: sala perimetral B1, no primeiro andar
Prezo matrícula: 90 euros (60 euros para estudantes e Amigos MARCO, previa acreditación)
Calendario e horarios:
• Datas: do luns 23 ao venres 27 de abril de 2007
• Horario: de 16.30 a 20.30 horas.