Escoitar

Os visitantes do Verbum decorarán tres vacas para a CowParade

O museo Verbum-Casa das Palabras sómase á celebración da CowParade en Vigo con tres actividades para os seus visitantes, que consistirán na decoración doutras tantas vacas para a exposición.

martes, 17 abr 2007
1176807021cowparade160407rubia.jpg
Unha das estatuas da exposición
"Deixa a túa man na vaca do Verbum"

O museo Verbum convida a todas as persoas que o desexen a deixar a pegada da súa man pintada na vaca Catuxa, que sairá á rúa proximamente. Esta actividade desenvolverase no propio museo de martes a domingo en horario de 10.00 a 19.00 horas, ata o sábado 28 de abril.

Convocatoria

Ademais, o Verbum abre unha convocatoria para decorar a vaca "Blanquita", que tamén se vai expoñer co gallo da CowParade. A técnica para decorar a vaca será a do graffiti. As imaxes empregadas serán símbolos ou signos de motivo libre pero sen ningún tipo de contido sexual, político ou relixioso.

Para poder participar hai que presentar o deseño do símbolo escollido nun tamaño mínimo dun A5 e máximo de A4. De entre todos os deseños recibidos o Verbum fará unha selección e os elixidos poderán plasmar o seu deseño nunha parte de "Blanquita".

O prazo de presentación de modelos comezou o venres 13 de abril e rematará o xoves 26. A entrega farase dentro do horario do museo: de 10.00 a 19.00 horas. O día 27 comunicarase a listaxe dos seleccionados e o pintado levarase a cabo o sábado 28 de abril nas instalacións do museo a partir das 17.00 horas.

As solicitudes enviaranse por correo ou entregaranse nun sobre pechado cos deseños, datos persoais (nome, apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto) no Verbum.

Obradoiros

Por outra parte, o domingo 22 e o domingo 29 de abril comezará no Verbum a decoración dunha das vacas que formarán parte da exposición da CowParade, "Cordera", que descansa neste museo. As actividades están orientadas a nenos e nenas a partir de 5 anos. Desde o museo anímase tamén aos pais a que participen cos seus cativos nesta actividade, que se desenvolverá en horario de 12.00 a 13.30 horas. O prezo é de 1 euro por asistente.
Descargar todas as imaxes