Escoitar

O Goberno local presenta un proxecto para humanizar Bouzas

O Goberno local presentou hoxe martes un proxecto para a humanización de Bouzas. O proxecto, que o Goberno quere executar despois das eleccións, abrangue unha superficie de 26.000 m2 e 25 rúas e suporía un investimento duns 5,9 millóns de euros.

martes, 17 abr 2007
1176809649bouzas170407.jpg
O de Bouzas é o último dun conxunto de 19 proxectos de humanización cos que o Concello quere mellorar a imaxe da cidade e a calidade de vida dos seus habitantes. Segundo afirmou hoxe martes a alcaldesa, Corina Porro, a intención do Goberno municipal é executar todas estas actuacións nun prazo de tres anos, algo que considera "totalmente viable" tanto desde un punto de vista técnico como económico.

A área á que se refire o proxecto de Bouzas é a comprendida entre a avenida de Beiramar, o paseo de Bouzas, a avenida Atlántida e a rúa Camilo Veiga. Son 26.000 m2 nos que se concentran 25 rúas na súa maior parte moi estreitas e con pouco espazo para os peóns.

Os obxectivos do plan presentado hoxe martes polo Goberno local son revitalizar socialmente os espazos públicos desta zona, ordenar a circulación rodada, reordenar as seccións viarias e modernizar a pavimentación das rúas.

Isto traducirase en beirarrúas de 2,75 a 3 metros, máis anchas que as actuais, e calzadas que irán dos 3,20 metros na praza Suárez Llanos aos 7 metros, con dous carrís, de Paulino Freire e Pescadores, pasando polos 3,5 metros de Poeta Añón e Covadonga e os 2,25 de Tomás Alonso (entre a alameda e a rúa Camilo Veiga) e Eduardo Cabello. Por outra parte, nun conxunto de rúas que inclúe Ramón Antonio Álvarez, Ferreirós, Santa Ana e Simancas, habilitarase unha área de coexistencia entre peóns e tráfico rodado de 4 metros de ancho. As lousas das beirarrúas e das calzadas, así como os adoquíns dos vados de carruaxes, serán de granito.

A humanización completarase coa colocación de 170 luminarias, 205 árbores e 13 illas ecolóxicas soterradas e a renovación do saneamento e do abastecemento.

O prazo de execución das obras contempladas no proxecto é de sete meses e levaríase a cabo en dúas fases. O Goberno local espera poder comezar os traballos despois das eleccións municipais.
Descargar todas as imaxes