Escoitar

O Goberno local proxecta novos centros sociocomunitarios en Coia, Alcabre e Romil

A alcaldesa, Corina Porro, acompañada pola concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, presentou hoxe mércores os proxectos dos novos centros sociocomunitarios de Coia, Alcabre e do contorno da rúa Romil, cuxo importe conxunto ascende a cerca de 4,7 millóns de euros.

mércores, 7 mar 2007
1173274380centros070307c.jpg
A finalidade dos tres centros proxectados, segundo afirmou a alcadesa, é "dotar os veciños de espazos de encontro" nos que teñan a posibilidade de realizar actividades sociais e culturais. Outro obxectivo dos proxectos presentados hoxe mércores, lembrou Porro, é o de recuperar edificios sinalados de Vigo. Un propósito que, de cumprirse, continuaría a política de recuperación de emblemas da cidade levada a cabo polo Goberno local, que inclúe xa entre os seus logros elementos da paisaxe urbana como a Pérgola de Jenaro de la Fuente, a farola de Urzáiz e o propio edificio da Alcaldía.

Coia

No que atinxe a Coia, o proxecto contempla a reconstrución do "Colexio Alemán" na rúa Cronista Rodríguez Elías para o seu uso como centro sociocomunitario por parte dos veciños do barrio. A superficie do centro, duns 2.350 m2, destinarase a servizos sociocomunitarios e disporá dun auditorio con aforo para 350 persoas, cinco espazos de xestións para asociacións, espazos para actividades de formación e actos culturais, un Centro Municipal de Internet, biblioteca, ludoteca e unha sala destinada preferentemente a persoas maiores.

Así mesmo, o centro sociocomunitario de Coia contará cunha oficina de atención municipal, que ofrecerá información de toda índole e facilitaralles aos cidadáns a xestión de trámites administrativos e a entrega de impresos de uso municipal.

O custo estimado para a execución deste proxecto é de 2.582.000 euros. Corina Porro lembrou que este investimento é parte dos previstos ou xa en execución dentro do Plan de Humanización de Coia.

Alcabre

O centro sociocomunitario de Alcabre basearase no acondicionamento de "Finca Solita", actualmente en situación de abandono, e ocupará unha superficie aproximada de 615 m2 no camiño a Freixeiro. Este centro, como o de Coia, disporá dunha oficina de atención municipal e ademais ofrecerá aos veciños da parroquia espazos de uso público e gratuíto para asociacións e particulares dedicados á formación e ao estudo, un Centro Municipal de Internet, biblioteca, ludoteca e unha sala relacional destinada ás persoas maiores preferentemente.

A execución do centro sociocomunitario de Alcabre supón un custo estimado de 565.000 euros.

Romil

O centro sociocomunitario "Fleming", da rúa Romil, ocupará unha superficie aproximada de 2.770 m2 e suporá un investimento de 1,5 millóns de euros, segundo o proxecto presentado polo Goberno local. O centro disporá de espazos para as asociacións do barrio e para a realización de actividades deportivas, culturais e sociais, así como un auditorio, unha pista polideportiva, un Centro Municipal de Internet e unha biblioteca.

Ademais destas dotacións, que estarán situadas no baixo, o centro da rúa Romil contará no seu primeiro andar cun centro de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais, con salas de reunións, aulas obradoiro, aula de informática, sala de música, ximnasio e vestiarios.

Na actualidade, os baixos obxecto do proxecto están en situación de abandono. A posta en marcha deste centro é unha reivindicación dos veciños, que con ela queren mellorar os servizos dos que dispoñen, como os que realiza xa na zona a asociación DOA de axuda aos enfermos mentais.

Financiamento

O investimento de 4,7 millóns de euros que supón a execución destes tres centros sociocomunitarios acometeríase, segundo adiantou Corina Porro, por medio dunha partida de remanentes con cargo ao orzamento municipal. A alcaldesa anunciou que proporá esta medida en marzo ao Pleno da Corporación, cuxa aprobación é necesaria para que o Goberno local poida levala a cabo.
Descargar todas as imaxes