Escoitar

A compañía de baixo custo clickair comezará a operar en Peinador o 1 de abril

A aeroliña clickair, a primeira de baixo custo que operará no aeroporto de Peinador, presentou hoxe martes en Vigo o inicio da súa actividade ante representantes políticos, económicos e sociais da cidade. Os voos de clickair unirán Vigo con Barcelona dúas veces ao día e comezarán a operar o próximo día 1 de abril.

martes, 6 mar 2007
1173190259clickair1.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, afirmou durante a presentación de clickair en Vigo que a nova ruta de baixo custo a Barcelona "marcará un punto de inflexión" para o aeroporto de Peinador, que contribuirá a "aumentar o potencial turístico e económico" da nosa cidade. Porro uniu o inicio da actividade de clickair en Peinador ao labor de potenciación do aeroporto levado a cabo nos últimos anos desde a Fundación Provigo co obxectivo de alcanzar os dous millóns de pasaxeiros en 2010. Este labor, lembrou a alcaldesa, tense concretado no incremento do número de rutas, frecuencias e turoperadores e a incorporación de novas aeroliñas ao aeroporto vigués.

Pola súa parte, o director xeral de clickair, Álex Cruz, salientou a boa acollida da súa compañía por parte de todos os estamentos da sociedade viguesa. "A nosa chegada a Peinador inaugura unha nova maneira de viaxar desde Vigo, con prezos moi competitivos e un servizo de máxima calidade", asegurou.

Cruz engadiu que, desde que se iniciaron as vendas da ruta Vigo-Barcelona o pasado mes de febreiro "temos constatado o grande interese existente por parte dos viaxeiros da zona en desprazarse a Barcelona e mesmo a outros destinos operados pola nosa compañía".

A ruta Vigo-Barcelona, con voos desde 20 euros, terá os seguintes horarios: desde Vigo, unha primeira saída ás 09.00 horas con chegada a Barcelona ás 10.30 e unha segunda saída ás 22.45 con chegada a Barcelona ás 00.15 horas; desde Barcelona, unha primeira saída ás 07.00 horas con chegada a Vigo ás 08.35 e unha segunda saída ás 20.45 con chegada a Vigo ás 22.20 horas.

A partir do 25 de marzo, clickair tamén iniciará as operacións desde o aeroporto de Alvedro (A Coruña) cun voo directo a Londres-Heathrow, e o 1 de abril conectará o aeroporto coruñés con Barcelona dúas veces ao día. Os voos desde Lavacolla (Santiago) a Barcelona estrearanse o mesmo 1 de abril.

As reservas para voar con clickair poderán facerse na páxina web da compañía, www.clickair.com.
Descargar todas as imaxes