Escoitar

Ex-desempregados realizan obras de acondicionamento en Vigo Zoo

martes, 26 feb 2002
imx1138.jpg
Fernández, Macías, Castrillo, Calviño e Fernández
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, o delegado da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Joaquín Macías, e os concelleiros de Emprego, Delfín Fernández, e Medio Ambiente, Amador Fernández, visitaron o zoo de Vigo para coñecer “in situ” as obras que desenvolven os traballadores do Obradoiro de Emprego “Vigozoo” desde o pasado mes de decembro.

Castrillo sinalou que máis de 250 persoas pasaron, desde 1999, polos obradoiros de emprego en Vigo e destacou o esforzo do Goberno municipal por xenerar posibilidades de formación e emprego cun salario digno para que persoas que estaban en situación de desemprego realicen actuacións que beneficien a cidade.

O acondicionamento e arranxo das actuais instalacións do Zoo, a construcción dunha Granxa-escola, a eliminación das barreiras arquitectónicas e o adecentamento do pavimento da entrada principal son algunhas das obras que levarán a cabo durante doce meses os participantes neste obradoiro de emprego, que promove a Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego no marco do Plan Municipal de Emprego 2000-2003.

Os traballadores de “Vigozoo” son trinta e seis desempregados, maiores de 25 anos, que se formarán nas especialidades de construcción, carpintería e xardinería, baixo a dirección dun equipo formado por unha directora, unha titora, unha administrativa e tres expertos-docentes. En canto ós obxectivos deste programa de emprego son, por unha banda, ofrecer formación e experiencia laboral ós participantes en profesións con expectativas de inserción laboral e, pola outra, mellora-las actuais instalacións municipais do Zoo e acondicionar outras novas no mesmo recinto.

O obradoiro de emprego conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 636.000 € e por parte do Concello, dunha achega económica 120.000 € e dos locais para aulas, oficinas e talleres do programa de emprego.

Descargar todas as imaxes