Escoitar

Xuventude financiará as ludotecas infantís de Lavadores e Coruxo

martes, 26 feb 2002
A Concellería de Xuventude asinará dous convenios de colaboración coas asociacións de Lavadores e de Coruxo co obxecto de desenvolver programas de dinamización infantil e xuvenil mediante ludotecas que cubran as necesidades de ocio e tempo de lecer dos máis novos cun carácter formativo en valores positivos.

O Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo recibirá 6.140 euros e a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores 21.426 euros.

As ludotecas ofrecerán servicios, actividades e recursos para que os nenos, a través de xogos e xoguetes, desenvolvan a súa personalidade propiciando a práctica do xogo en grupo con compañeiros de idades similares. Trátase de fomentar a cooperación e participación social dos nenos, aumentar a comunicación e mellorar o seu nivel de relación.

Así, estimúlase a creatividade mediante a expresión oral e plástica e foméntanse os hábitos de hixiene, convivencia e orde. Os cativos poden coñecer e aprender xogos manipulativos como bonecos, títeres e xoguetes técnicos: xogos motrices, deportivos e de montaxe: sensoriais, de sociedade, intercomunicación e técnicas musicais e tradicionais enmarcadas na zona na que viven.

As ludotecas fomentan tamén a capacidade de pensamento lóxico e estratéxico, así como a atención e comprensión, o desenvolvemento da expresión corporal, verbal e musical e o respecto mediante o establecemento e cumprimento de normas de xogo.