Escoitar

Vigo celebrará a "Gran Bicicletada" do domingo xunto con outras 28 cidades

Vinte e nove cidades españolas pedalearán este domingo contra o cambio climático e por un contorno máis humano na "Gran Bicicletada ConBici sen CO2". En Vigo, a saída da marcha ciclista terá lugar ás 11:00 horas na praza das Travesas.

xoves, 9 nov 2006
1163076069bici091106.jpg
ConBici, Coordinadora en Defensa da Bici, impulsa a campaña "Mellor con bici" a través das 32 asociacións que a integran e coa colaboración do Ministerio do Medio Ambiente. No caso de Galicia, esta iniciativa conta tamén co apoio da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta, ao que se soma, no de Vigo, a Concellaría de Deportes.

"Mellor con bici" convida a cidadáns e cidadás de todas as idades a elixir a bicicleta como medio de transporte urbano, para conseguir reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e así mellorar a calidade de vida de todos.

O próximo domingo inaugúrase a campaña coa celebración simultánea da "Gran Bicicletada ConBici sen CO2" nun total de 29 cidades. Os percorridos son sinxelos e equiparables aos traxectos diarios ao traballo, aos colexios ou para ir comprar que realiza calquera cidadán en calquera destas localidades.

A marcha ciclista de Vigo partirá da praza de América ás 11:00 horas co seguinte percorrido: Travesas, Camelias, Venezuela, Travesía de Vigo, Bos Aires, Sanjurjo Badía, García Barbón, Policarpo Sanz, Porta do Sol, Pi i Margall, López Mora, praza de América, Florida, Balaídos e chegada no parque de Castrelos, onde se clausurará o evento coa lectura dun manifesto.

O presidente da asociación ciclista viguesa A Golpe de Pedal, José Manuel Suárez, afirmou hoxe xoves durante a presentación da marcha que desprazarse en bicicleta non só é bo para a saúde das persoas, senón tamén para a do medio ambiente. Suárez recordou que hai estudos que demostran que un de cada dous traxectos urbanos en coche é de menos de tres kilómetros, e indicou que esta distancia se pode percorrer facilmente en bicicleta.

O presidente de A Golpe de Pedal engadiu que "se só o 2% da poboación española" fixese en bicicleta unha viaxe de tres kilómetros que normalmente fai en coche, deixaríanse de emitir arredor de 265 toneladas de CO2. En opinión de José Manuel Suárez, pódese dicir que "a cidade non se presta" pero "hai que intentalo", e para iso, asegurou, deben sumarse a vontade política das administracións coa resposta da poboación, co fin de desenvolver proxectos que fomenten o uso da bicicleta.
1163076069bici091106.jpg
1163076093bici091106b.jpg
Descargar todas as imaxes