Escoitar

Seleccións nacionais e autonómicas competirán polo Cidade de Vigo de Judo

O Gran Premio Internacional de Judo Cidade de Vigo chega este sábado no Pavillón Municipal de Coia á súa undécima edición coa desputa dun trofeo no que o cambio do sistema de competición individual ao de seleccións será a principal novidade.

martes, 31 out 2006
1162303847judo311006.jpg
A Federación Galega de Judo, que organiza esta competición coa colaboración do Club Vierase Famu de Vigo, pretende consolidar o Cidade de Vigo como referente do judo nacional e internacional, e continuar así a liña de proguesión marcada pola celebración do Campionato de España Absoluto en Vigo en 2001 e a súa transformación en Gran Premio Internacional en 2002.

A principal novidade para este ano é o cambio da competición individual á de seleccións. Xunto coa selección galega estarán as tamén autonómicas de Cataluña, Castela e León e Asturias, e os combinados nacionais de España, Portugal, Gran Bretaña e Andorra.

As seleccións serán mixtas (tres mozos e dúas mozas) e estarán formadas por judokas de categoría sénior, que competirán en combates de un contra un de catro minutos nos pesos de menos de 52 e máis de 81 kilos, no caso das mulleres, e de menos de 66, menos de 73 e máis de 81 kilos, no dos homes.

As eliminatorias iniciaranse ás 17:30 horas do sábado e seguiranse de exhibicións de artes marciais de 19:15 a 19:30, hora á que dará comezo a final.

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, salientou hoxe martes durante a presentación deste evento a importancia de "contar con deportistas de elite" para fomentar o judo, unha disciplina que, segundo afirmou, ten unha ampla base en Vigo. No acto estiveron presentes tamén Cristina Fernández, xefa provincial da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo.
Descargar todas as imaxes