Escoitar

O Pleno modifica un conxunto de impostos e taxas municipais

Cos votos favorables do PP e a abstención de PSdeG-PSOE, BNG e PG, o Pleno da Corporación deu o seu visto bo hoxe luns á modificación dun conxunto de ordenanzas fiscais reguladoras de impostos e taxas municipais.

luns, 30 out 2006
1162217721pleno301006b.jpg
As modificacións atinxen a impostos como o de bens inmobles, vehículos de tracción mecánica, actividades económicas e construcións, instalacións e obras, e a taxas como as de subministración de auga potable, documentos, autotaxis e vehículos especiais, recollida do lixo e concesión de licenzas para construcións. Tamén se inclúen no acordo as ordenanzas reguladoras dos prezos públicos pola prestación de ensinanzas especiais e pola utilización das instalacións deportivas municipais.

O concelleiro de Economía, Javier Guerra, defendeu esta medida baseándose na vontade de "redución da presión fiscal aos cidadáns" e de equilibrio orzamentario do Goberno local. Os seus argumentos foron criticados desde os asentos dos tres grupos da oposición.

Así, María Luisa Graña, do PSdeG-PSOE, lamentou que a calidade dos servizos municipais non teña mellorado "en tres anos" e prognosticou, en referencia á taxa da auga, que "seguiremos pagando o subministro mínimo, que non se establece de acordo co consumo".

Henrique Viéitez, do BNG, denunciou o "encarecemento" do servizo do lixo durante o mandato do actual Goberno local, e lembrou que o anuncio de execcións fiscais a familias numerosas con ingresos de menos de 5.000 euros brutos por persoa só afectará a 825 unidades destas características en todo Vigo.

Manoel Soto, do PG, asegurou que o Goberno municipal prexudica con medidas como a adoptada hoxe luns as economías da "xente que o pasa moi mal para chegar a fin de mes", "encarecendo os servizos" ao mesmo tempo.
Descargar todas as imaxes