Escoitar

O aceite usado dos fogares vigueses poderase reciclar

"Recoller o aceite é coidar o medio ambiente". Este é o lema da campaña que vai pór en marcha o Concello en colaboración coas empresas PMA e Nutrigras para obter biodiésel a partir do aceite usado nos fogares vigueses.

martes, 31 out 2006
1162303474aceite311006a.jpg
O biodiésel é un carburante para automóbiles utilizado xa no transporte urbano de Vigo e en varios vehículos do parque municipal, e que contamina menos que outros carburantes porque non produce emisións de xofre e porque se degrada máis rapidamente. O seu uso está a ser promocionado pola Comisión Europea co obxectivo de atinxir unha penetración do 5,75% en 2008 e do 8% en 2020, especialmente no transporte público e no de mercadorías.

O Concello está a informar xa, mediante folletos que se envían aos cidadáns conxuntamente co recibo da auga, sobre a campaña que vai pór en marcha para obter biodiésel reciclando o aceite usado dos fogares. Estes folletos lembran que o aceite que se adoita tirar polos vertedoiros das cociñas deteriora os canos ata inutilizalos, contamina os ríos e dificulta e encarece o funcionamento das depuradoras. A campaña informativa ampliarase proximamente con cuñas radiofónicas para concienciar a poboación sobre a conveniencia de cambiar este hábito doméstico e almacenar o aceite usado en bidóns para a súa posterior recollida e reciclaxe.

Este servizo será xestionado polas empresas PMA e Nutrigras de maneira totalmente gratuíta para as comunidades de veciños que decidan sumarse á campaña (poden facelo a través do teléfono de contacto 986 288 120). PMA e Nutrigras recollerán os bidóns cheos e deixarán bidóns baleiros nos lugares indicados polas propias comunidades. A capacidade de cada bidón é de 55 litros. Mentres os cidadáns continúan o ciclo depositando o aceite usado nos bidóns, PMA e Nutrigras someterán o líquido a un proceso de filtrado e refinado para obteren biodiésel.

A Concellaría de Medio Ambiente dará un pulo a esta iniciativa achegando os bidóns e financiando a campaña informativa. O concelleiro, José Manuel Figueroa, cualificou de "novidosa" e "moi interesante" esta medida e salientou a importancia da colaboración cidadá para levala a cabo.
1162303474aceite311006a.jpg
1162303490aceite311006b.jpg
Descargar todas as imaxes