Escoitar

Os grupos políticos debaten sobre a ampliación do peirao de Bouzas

A ampliación do peirao de Bouzas centrou a reunión de representantes dos catro grupos políticos municipais que tivo lugar hoxe martes no edificio da Xerencia Municipal de Urbanismo.

martes, 27 xuñ 2006
O portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa, afirmou que "o Concello non dará o seu visto bo" ao proxecto de ampliación do peirao de Bouzas presentado pola Autoridade Portuaria porque "non está xustificado o recheo que se quere facer".

Figueroa argumentou que polo de agora "non hai Plan de Utilización de Espazos Portuarios nin Plan Director" de Infraestruturas, polo que "o Porto terá que rectificar" se quere que haxa un consenso de todos os grupos políticos sobre a ampliación do peirao.

A falta do Plan de Utilización de Espazos e do Plan Director tamén foi criticada polo representante do BNG, Henrique Viéitez, quen lle demandou ao presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero, que defina os obxectivos e necesidades do Porto, xa que "a partir de aí poderemos estar de acordo ou non".

Ademais, Henrique Viéitez dixo non entender "por que se pide facer a ampliación na zona con menos calado", de 10 metros, cando "a maioría dos buques contenedores teñen un calado de 14,5 metros".

Pola súa parte, o representante do PG, Julio Alonso, cualificou de "inviable" o proxecto de ampliar a superficie da terminal de Bouzas cun sistema de pilotes, e de "recheo cen por cen" o que, segundo el, se quere facer. Para Julio Alonso, ademais, amliar agora a terminal de Bouzas sigificaría castigar esta zona con máis tráfico pesado, tendo en conta que "antes de 10 ou 15 anos non entrará o tren".

En resposta a estas declaracións, o concelleiro do PSdeG-PSOE Xulio Calviño mostrou o seu "asombro" porque na proposta de ampliación debatida hoxe martes "non hai nada novo con respecto á presentada por Abel Caballero hai varios meses".

Xulio Calviño lembrou que "entón había un consenso xeneralizado" e afirmou que tras a reunión de hoxe martes "retrotraémonos a xullo de 2005, a un proxecto de 215.000 m2 de recheo", deixando de lado a proposta da Autoridade Portuaria de realizar con pilotes un recheo de 80.000 m2.