Escoitar

Jazz didáctico e de fusión mañá mércores no Imaxina Sons

O Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova, o Pub Quomo e as rúas da cidade son os escenarios onde se concetrará mañá mércores as actividades do Festival de Jazz.

martes, 27 xuñ 2006
1151409759tolospolojazz.jpg
Tolos polo Jazz
No Centro Cultural Caixanova, a partir das 21:00 horas, The Missing Stompers, Roman y Cía. e Fernando Argenta ofrecerán o seu espectáculo didáctico "Tolos polo jazz". Este espectáculo xurdiu da frutífera colaboración entre o septeto The Missing Stompers e o grupo teatral de manipulación de bonecos Román y Cía, que recolectaron un notable éxito no seu esforzo pola divulgación do jazz no programa El Conciertazo de TVE, presentado por Fernando Argenta.

A súa idea é a de achegarlles este tipo de música aos pequenos creando un espectáculo de familia no que se combinan o teatro, os bonecos e a música en directo da man de músicos reputados da escena española. Traballando con melodías coñecidas e popularizadas pola televisión e o cine -como O libro da selva, Buscando a Nemo, A pantera rosa, Os Aristogatos, Os Picapedra, etc.-, esta iniciativa consegue engaiolar ós pequenos ó presentarlles baixo unha nova lectura, entretida e vistosa, temas musicais cos que xa están familiarizados.

A sinxela trama argumental que vai fiando o espectáculo consiste na disputa entre un grupo de música e unha serie de veciños molestos polo ruído que estes producen, pero que ó cabo experimentarán o jazz coma unha nova sensación, uníndose á festa.

Os traballos da compañía de teatro Román y Cía gozan de grande aceptación entre os pequenos grazas a éxitos como Los Lunnis para TVE, Mortadelo y Filemón para o cine e Paella o La Reina de las Nieves para teatro. Os bonecos que participan en Locos por el Jazz son os mesmos que se fixeron populares en El Conciertazo de TVE.

As entradas para este espectáculo custan tres euros, para os adultos, e dous, ata os 14 anos.

Lucía Martínez Cuarteto

A partir das 23:50, no Pub Quomo (entrada libre) o Lucía Martínez Cuarteto despregará ante a audiencia a súa mestura de música tradicional e vangarda europea.

Desde os seus inicios na Universidade Popular de Vigo, a percusionista Lucía Martínez non escatimou esforzos na súa formación musical, seguindo un camiño que a levou ao Conservatorio Mayeusis, á Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, á Guildhall School of London, á ESMAE do Porto e, recentemente, a gozar dunha bolsa Erasmus no Instituto Politécnico de Helsinqui. Tamén se curtiu no campo do folk, colaborando con artistas como Mercedes Peón, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní, e no ámbito da música clásica, coa Orquestra Clásica de Vigo, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfonieta.

A xestación do seu cuarteto ten lugar durante a súa estadía na ESMAE do Porto, á que tamén pertencen o resto dos seus membros, formando así unha agrupación netamente galaico-portuguesa. O repertorio é integramente orixinal da percusionista viguesa, con claras influencias da música tradicional e da vangarda jazzística europea.

A formación do Lucía Martínez Cuarteto está composta por João Pedro Costa ao saxo, Pedro Neves ao piano, Carl Minneman ao contrabaixo e Lucía Martínez á batería.

Ademais destas dúas actuacións, a programación do Festival de Jazz Imaxina Sons para mañá mércores inclúe pasarrúas ás 13:00, 19:00 e 21:00 horas.
Descargar todas as imaxes