Escoitar

Seis do Nadal organiza en xullo o seu campus de baloncesto para nenos e mozos

Durante a semana do 16 ao 23 de xullo celebrarase nas instalacións da Universidade de Vigo o II Campus de Baloncesto "Seis do Nadal", organizado polo club de Coia do mesmo nome para nenos e mozos de 6 a 17 anos.

xoves, 22 xuñ 2006
1150979484basket220606.jpg
Durante a presentación deste evento, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, enmarcou esta iniciativa no desexo do Concello de "encher o espazo de ocio" dos nenos e mozos, facéndolles posible "gozar do deporte e das actividades culturais".

O campus conta co apoio de Unicef, cuxa presidenta en Vigo, Teresa Valtierra, salientou a necesidade de fomentar o deporte como medio de educación entre os nenos e mozos. Na mesma liña, o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Óscar Rubiños, salientou o carácter formativo do campus, que, dentro da filosofía de traballo da Universidade, sitúa nun segundo plano os aspectos competitivos do deporte.

Así, o campus ofrecerá, ademais dunha completa formación deportiva a cargo de adestradores de contrastada experiencia, un amplo abano de oportunidades de ocio, cultura e deportes alternativos.

Deste xeito, os nenos/as e mozos/as poderán practicar béisbol, natación en piscina cuberta, rugbi, tenis de mesa, tiro con arco e voleibol. Así mesmo, levaranse a cabo actividades de aventura, coa axuda de monitores e empresas especializadas. Estas actividades inclúen a condución de karts (no Karting Paris Dakar de Sanxenxo), canoas, hípica, trekking, minigolf e un curso de educación vial.

Ademais, no programa do campus tamén hai lugar para a cultura, con proxeccións de películas a cargo de Unicef, visitas guiadas a Naturnova, ao MARCO e outras actividades.

O aloxamento realizarase na residencia universitaria, a escasos minutos do centro deportivo, que tamén está dotado de comedores e centro comercial. A residencia da Universidade conta con 225 cuartos individuais con cociña compartida, ademais das instalacións e comodidades propias destes centros.

Os prezos das matrículas son de 300 euros, para a de réxime interno; 550, a de réxime interno para dous irmáns; 190, a de réxime externo, e 350, para a de réxime externo para dous irmáns. O réxime interno inclúe pensión completa, aloxamento na residencia universitaria e actividades complementarias. O réxime externo inclúe media pensión (de 10:00 a 21:00 horas) e o traslado diario en autobús urbano. O prazo de inscrición finaliza o 30 deste mes. Para máis información pódese contactar co C.B. Seis do Nadal por teléfono e fax (986 20 52 03) ou por correo electrónico (baloncesto@seisdonadalcoia.com).
Descargar todas as imaxes