Escoitar

Turismo de Vigo mellora os seus servizos con novas oficinas de información

A concelleira de Turismo, Lucía Molares, presentou hoxe xoves o punto de información turística situado á entrada da rúa Príncipe, unha das cinco novas oficinas que o Concello acaba de situar en distintos puntos da cidade. As outras catro están na praza de España, a praza do Rei, o porto e a entrada á estación de tren.

xoves, 22 xuñ 2006
1150979219turiofi220606.jpg
Esta ampliación dos servizos de información turística para o verán de 2006 conta co apoio de quince informadores turísticos, que serán os encargados de atender a todos os visitantes e turistas que elixan Vigo como destino vacacional. O persoal de Turismo de Vigo será facilmente identificable xa que todos eles lucirán un uniforme identificatorio.

En 2005 Turismo de Vigo tiña un total de cinco puntos de información, aos que este ano se soman outros dous. Estes servizos funcionarán ata o 15 de outubro, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas, todos os días da semana, domingos e festivos incluídos.

Deste xeito, os puntos de información turística de Vigo son: a oficina de turismo da Pedra, as casetas de información da praza de España, da Estación Marítima, da praza do Rei, da Porta do Sol e de Renfe, e o quiosco do paseo de Alfonso.

Ao mesmo tempo, Turismo de Vigo segue apostando polo bus turístico, un dos servizos con máis éxito. Desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, o bus turístico percorrerá as rúas de Vigo todos os días da semana, con catro viaxes diarias: ás 10:00, 12:00, 16:30 e 18:30, saíndo da rúa Cánovas del Castillo. O sistema de locución con auriculares do bus permítelles aos turistas escoitar as explicacións sobre a cidade en castelán, inglés, francés e alemán.

Outro servizo de grande éxito entre os turistas é o programa de visitas guiadas "Vigo en ruta", co cal se pode percorrer a cidade a pé. Este ano, a diferenza do anterior, ofértanse tres rutas guiadas, aínda que tamén se poden facer rutas combinadas ou á carta, segundo as necesidades do grupo. As tres rutas (Ruta Cultural, Ruta do Mar e Ruta da Natureza) ofértanse en galego, castelán e inglés.

Por outra parte, Turismo de Vigo segue ofrecendo a tarxeta turística Vigocard, que se pode adquirir en tres modalidades, segundo as necesidades dos turistas.
Descargar todas as imaxes