Escoitar

Corina Porro visita as obras de mellora da Travesía de Vigo

A alcaldesa, Corina Porro, e o concelleiro de Servizos Xerais, Carlos Comesaña, visitaron hoxe xoves a Travesía de Vigo para coñecer o estado das obras de mellora que se están a levar a cabo nesta rúa desde principios de ano. Os traballos, que se realizarán en dúas fases, contan cun orzamento total de dous millóns de euros.

xoves, 25 mai 2006
1148563441travesia250506.jpg
Este proxecto naceu co obxectivo principal de garantir e racionalizar o aproveitamento das beirarrúas da Travesía de Vigo, así como de mellorar a deficiente execución dalgúns dos pavimentos actuais da rúa. Corina Porro cualificou de "ambicioso" este proxecto, que, segundo afirmou, "vai transformar unha zona que estaba sufrindo un grao de abandono importante".

Para facilitar a execución das obras, estas realízanse en dúas fases. A primeira fase, que se iniciou a principios deste ano e conta cun orzamento duns 960.000 euros, corresponde ao tramo de Travesía entre Bailén e a calella situada á altura do número 138 da propia Travesía de Vigo. A segunda fase esténdese desde a dita callella ata a intersección con Numancia. No Plan Parroquias, que será debatido o próximos luns no Pleno, inclúese unha partida de 850.000 euros para a súa execución.

A actuación concrétase fundamentalmente na ampliación das beirarrúas en case dous metros de media sobre a calzada, reducindo a amplitude da calzada desde os nove metros de media actuais ata os sete, aproximadamente.

A configuración definitiva da rúa será idéntica á actual, dado que non se reduce o número de carrís destinados á circulación rodada. En cambio, lévase a cabo unha mellor organización para eliminar os sobreanchos actuais, que permiten o aparcamento en dobre fila, e reducen a anchura das beirarrúas. Unha vez finalizado o proxecto, o aparcamento na zona será en liña.

Os materiais utilizados para a pavimentación responden a criterios de calidade e eficiencia, con profusión de elementos de granito. Para iso optouse por bordos de granito. A pavimentación da beirarrúa resólvese con pezas de terrazo de alta calidade. Trátase dun pavimento que garante unha boa conservación e mantemento, unha transitabilidade moi cómoda e que por outro lado ofrece posibilidades estéticas e funcionais.

Complementariamente, intervénse sobre a rede de saneamento, substituíndo os colectores laterais de acometida de edificacións. A recollida de pluviais mellórase, instalando colectores específicos para a recollida de pluviais, e mellorando o número e disposición de sumidoiros.

Tamén se intervén sobre o servizo de alumeado público, aumentado o número de báculos existentes (12 novos, polo que se incrementan ata chegar a 51 luminarias), modificando a súa disposición e, en definitiva, mellorando a uniformidade do alumeado. Créase un novo paso de peóns con luz branca, para diferenciala do resto.

O proxecto contempla a instalación de mobiliario urbano no tramo, con papeleiras, bancos, fontes e varandas, e complétase coa instalación de 93 árbores tipo Cercis (chamado tamén árbore do amor), que alcanzan os 6 metros de altura.

Canto aos contedores, o proxecto reserva espazo para eles e tamén a prolongación de áreas de aparcamento e dársenas de bus, ou ben delimita con bordo illas para contedores cando é estrictamente necesario. En total, na primeira fase instalaranse 14 illas de reciclaxe. O proxecto de segunda fase contempla outras 14 illas.

O orzamento total das obras de mellora da Travesía de Vigo, incluído a primeira e a segunda fase e a instalación de illas de reciclaxe, ascende a dous millóns de euros.
Descargar todas as imaxes