Escoitar

O Real Coro "Toxos e Froles" recibirá unha homenaxe o venres no Auditorio Municipal

O Auditorio Municipal acollerá o próximo venres a partir das 20:00 unha xornada de homenaxe ao Real Coro "Toxos e Froles", de Ferrol, que é o decano deste tipo de conxuntos en Galicia. Na xornada musical participarán a Escola Municipal de Danza de Vigo e o propio coro "Toxos e Froles".

martes, 23 mai 2006
1148383690toxosbaile.jpg
Os membros da Escola Municipal de Danza, dirixidos por Wenceslao Cabezas "Polo", homenaxearán a traxectoria de "Toxos e Froles" ao son de tres muiñeiras. As Pandereteiras de Gradaille, parte do Real Coro, sumaranse á celebración cunha muiñeira, un agarrado e dúas xotas. Pola súa parte, o grupo de baile "Perfecto Feijóo", tamén integrante de "Toxos e Froles", danzará un fandango, unha muiñeira e a peza titulada "Moza no agro".

Pero o peso da homenaxe recaerá no propio coro "Toxos e Froles", que subirá ao escenario para ofrecer ao público un conxunto de foliadas, alalás e melodías galegas, algunhas delas tan coñecidas como "Negra sombra", baseada no poema de Rosalía de Castro, e a popular "O galopín".

Historial

As orixes do Coro "Toxos e Froles" remóntanse á xira que a orquestra ferrolá de punteo "Airiños da miña terra" realizou por Cataluña en 1907. En 1914, por inicitiva do gaiteiro daquela orquestra, Manuel Lorenzo Barja, creouse o Coro Feijóo "Toxos e Froles", en homenaxe ao iniciador dos coros galegos, Perfecto Feijóo y Poncet, tamén coñecido como o "Gaiteiro do Lérez".

"Toxos e Froles" debutou no Teatro Jofre de Ferrol, o 29 de maio de 1915, baixo a dirección de Manuel Lorenzo Barja. O 8 de agosto dese mesmo ano, o colectivo departamental interpretou por primeira vez o Himno Galego, xunto á Coral "El Eco", da Coruña, ao rematar un concerto benéfico na cidade herculina. A partir de 1917, a entidade ferrolá fíxose acompañar pola bandeira galega en cada un dos seus actos oficiais e, desde 1920, a súa formación é mixta, ao contar con voces brancas e graves.

A discografía de "Toxos e Froles" inclué cinco discos, gravados en 1922, 1962, 1970, 1979 e 2000. Entre as ducias de distincións que o coro ten no seu haber sobresaen a de "Socio do Mérito" do Centro Galego de Madrid (1918), o título de "Real", outorgado por Alfonso XIII en 1928 e a Medalla de Ouro de Galicia de 2005.

As actuacións que "Toxos e Flores" ten realizado ao longo da súa historia en Galicia, España, Europa e Lationoamérica téñenlle valido o recoñecemento da crítica e do público en numerosos festivais e concursos. En 2001, a entidade departamental instituiu o "Festival das Comunidades", no que teñen participado agrupacións de Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, País Vasco e Galicia. Desde 2003 este festival ten contando tamén con actuacións de colectivos de Portugal e países como Paraguai, a illa de Antigua e a República de Daguestán (Rusia), entre outros.

O Real Coro está rexido por unha Xunta Directiva que preside Pedro Emilio Sanz Sánchez desde 1999.
Descargar todas as imaxes