Escoitar

O Concello cede tres pisos para que persoas discapacitadas poidan facer unha vida independente

O Concello de Vigo colaborará coas asociacións Doa, Aspanaex e Downvigo na integración de persoas discapacitadas, poñendo á súa disposición senllos pisos para que estas poidan desenvolver todas as súas capacidades vivindo de forma independente.

luns, 22 mai 2006
1148304337doa220506.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, asinou hoxe luns convenios de colaboración con estas tres asociacións, das que salientou a súa "longa traxectoria" e "grande implicación" na integración social de persoas discapacitadas. Doa centra os seus esforzos na axuda a enfermos mentais, mentres que Aspanaex se dedica á integración de minusválidos psíquicos e Downvigo traballa con persoas con síndrome de Down.

En virtude deste acordo, o Concello porá a disposición de Doa, Aspanaex e Dowvigo tres pisos da súa propiedade situados na rúa Anaduriña, para seren habitados por persoas atendidas por estas entidades. Deste xeito, preténdese que conten cun ambiente propicio para conseguir vivir de maneira independente e desenvolver todas as súas capacidades.

Corina Porro mostrou a súa confianza no éxito desta iniciativa, xa que, segundo dixo, os discapacitados "nos están demostrando que poden ter un posto de traballo ou integrarse nun colexio". Ademais, a alcaldesa agradeceu de antemán o esforzo persoal destas persoas, porque "van ofrecer moito a unha sociedade que en moitas ocasións ten moito que aprender deles".
Descargar todas as imaxes