Escoitar

A Feira Internacional do Naval Navalia converte a Vigo na capital mundial do sector

A primeira edición da Feira Internacional do Naval Navalia abriu hoxe martes as súas portas no IFEVI. Ata o próximo xoves, máis de 200 expositores de máis de 30 países darán a coñecer en Vigo as novidades deste sector. Ademais, a organización espera que Navalia propicie o encontro duns 10.000 profesionais.

martes, 23 mai 2006
1148387567naval.jpg
Deste xeito, a Feira de Vigo nace como unha das máis importantes do mundo nun sector que vive unha etapa de expansión debida ao aumento do tráfico marítimo. Navalia converte a nosa cidade durante estes días no principal escaparate das novidades da construción naval e das súas industrias auxiliares, con máis de 200 expositores de máis de 30 países dos cinco continentes.

Ademais, a Feira Internacional do Naval pretende propiciar o encontro entre profesionais do sector e o debate sobre as súas posibles vías de crecemento. Os arredor de 10.000 profesionais que a organización espera reunir representan a algo máis de 3.000 empresas e institucións de máis de 30 países.

Así mesmo, o certame posibilitará a visita a Vigo de delegacións formais dunha decena de países con fortes intereses no sector naval, xa sexa na súa vertente de produción de buques ou pola súa importancia nos sectores pesqueiro ou de transporte de mercadorías ou pasaxeiros.

Un stand pola igualdade

En Navalia está presente tamén o proxecto municipal "Conta con elas", por medio do seu Bus da Igualdade, que se situará no aparcadoiro da entrada á Feira ata o xoves. Ademais, este proxecto, que pretende fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, contará cun stand dentro do recinto para dar información sobre as súas accións dirixidas a empresas. Neste caso, "Conta con elas" quere promover o emprego feminino nun sector tradicionalmente vedado ás mulleres como é o naval.

O mércores 24 de maio, na Sala do Expositor do IFEVI, terá lugar a Mesa "Conta con Elas na empresa", na que o persoal de Conta con Elas explicará ás empresas interesadas as accións nas que poden participar.

O Proxecto, enmarcado na iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, ten como eixo central a sensibilización, especialmente nos campos empresarial e laboral, para diminuír a segregación laboral das mulleres. Con este obxectivo, "Conta con Elas" desenvolve accións que favorecen o cambio na percepción da posición que as mulleres han de ocupar no mercado de traballo.
1148387567naval.jpg
1148388682contanaval230506.JPG
Descargar todas as imaxes