Escoitar

O proxecto Conta con Elas imparte un curso de igualdade de oportunidades para o profesorado

O proxecto "Conta con Elas" está a impartir un curso ao profesorado sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres co título "A transversalidade de Xénero no ámbito educativo". O curso está dentro do plan anual de formación do profesorado 2005/2006 do Centro de formación e Recursos (CEFORE) de Vigo dependente da Xunta de Galicia.

mércores, 22 mar 2006
1143099091conta.jpg
Os obxectivos da actividade son sensibilizar ao profesorado da necesidade de incluír a perspectiva de Igualdade de Oportunidades no labor docente e facilitar ferramentas conceptuais e estratexias para a eliminación dos estereotipos sexistas, respecto á elección vocacional e profesional do alumnado.

O curso impartirase en Vigo a 20 profesionais do ensino no mes de marzo cunha duración de 20 horas. Está previsto que este curso se repita no plan de formación ó profesorado no período 2006-2007 e a realización doutra actividade para tratar os novos enfoques da educación dende a perspectiva da igualdade de xénero.

O Proxecto Conta con elas enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral.
Descargar todas as imaxes