Escoitar

Corina Porro avoga por potenciar a Fundación Provigo

O Padroado da Fundación Provigo reuniuse hoxe mércores para facer un repaso da traxectoria da institución nos dous últimos anos. Durante o encontro, que tivo lugar na Cámara de Comercio, a alcaldesa, Corina Porro, manifestou a súa vontade de potenciar a Fundación para que xogue un papel determinante no desenvolvemento da cidade e da súa área de influencia. Ademais, o Padroado elixiu a Rubén López como novo xerente.

mércores, 8 feb 2006
Corina Porro defendeu a necesidade de aproveitar o "carácter aglutinador" e "dinámico" da Fundación Provigo para lograr tres "ambiciosos obxectivos": modernizar e diversificar o tecido empresarial, relanzar o Plan Vigo 2010, consensuado entre as forzas políticas, sociais e empresariais de Vigo, e renovar os observatorios de conxuntura, medio ambiente e emprego, cuxos convenios vencían este ano. A consecución destas metas debe acompañarse, segundo a alcaldesa, dun maior achegamento da Fundación Provigo aos cidadáns.

De acordo con Corina Porro, a situación financeira desta institución cando accedeu á súa presidencia era "ruinosa", xa que arrastraba débedas desde 1997. Para solucionar este problema, o Concello, a través dun convenio coa Fundación, comprometeuse a achegar 294.000 euros, aos que se sumarían as cotas anuais de 36.000 euros. En 2005 o Concello aboou 144.000 euros, máis a cota. O resto do pagamento efectuarase, segundo establece o convenio, a partes iguais entre 2006 e 2008.

Deste xeito, afirmou a alcaldesa, agora "estamos en disposición de abordar novos e máis ambiciosos obxectivos". Neste sentido, Corina Porro lembrou que "nunca se rescindiu contrato ningún no caso dos observatorios", xa que estes "finalizaron e ante a imposibilidade de abordar unha prórroga por falta de financiamento entendemos prudente reformular os contidos e propor a súa mellora".

Na reunión de hoxe mércores incorporáronse ao Padroado da Fundación Provigo catro novos membros: o conselleiro e a delegada de Industria, o presidente da Autoridade Portuaria e o decano do Colexio de Avogados.