Escoitar

O Pleno insta o Goberno local a potenciar as institucións de interese estratéxico para Vigo

O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG-PSOE pola cal reclama ao Goberno municipal unha "política eficiente e activa" para definir, implementar e desenvolver as institucións que, como a Fundación Provigo e o Eixo Atlántico, son "de interese estratéxico" para a cidade.

luns, 30 xan 2006
1138629780pleno300106.jpg
O concelleiro socialista Gonzalo Caballero defendeu a moción argumentando a favor da necesidade de revitalizar e impulsar "a cooperación entre distintos axentes dentro da cidade e con outros do exterior, asumindo o Goberno (local) o papel de impulsor e dinamizador do liderato de Vigo".

Á "crise" da Fundación Provigo e á "infrautilización política" do Eixo Atlántico, Caballero contrapuxo "un programa de actuación do Goberno municipal nesas institucións", que deberá ser presentado aos grupos municipais da Corporación a título informativo.

Outras dúas mocións presentadas polo PsdeG-PSOE e aprobadas por unanimidade hoxe luns son a que insta o Goberno municipal a elaborar un Regulamento de Publicidade e Comunicación Institucional e a proposta de suprimir do orzamento municipal o gasto de aluguer de inmobles, sempre que existan inmobles de titularidade municipal non utilizados ou infrautilizados. Por esta mesma moción establécese que estes inmobles se utilicen preferentemento para o realoxo de actividades desenvoltas en inmobles privados e para actividades de colectivos culturais xuvenís.

Pola súa parte, o BNG viu aprobadas tamén por unanimidade as súas dúas mocións. A primeira delas insta a que a páxina web do Concello, así como as das empresas ou organismos que teñan algunha relación con esta institución, sexan totalmente accesibles ás persoas maiores e con discapacidade, adoptando as normas e recomendacións da Unión Europea. A outra moción dos nacionalistas é unha proposta de ordenación e mellora do tráfico nas rúas Marín e laterais.

Polo PG, Manoel Soto logrou que se aprobase por unanimidade a súa proposta de apoiar os actos en memoria de Enrique Peinador Lines programados pola Fundación Premios da Crítica e Mondariz-Baleneario. Este mesmo acordo insta o Goberno municipal a colocar unha placa na fachada do último domicilio de Enrique Peinador Lines, na rúa Cuba, 49, para lembralo e honralo.

Outra moción presentada por Soto, esta relativa ao uso do idioma galego no Concello, recibiu os votos favorables do propio PG e do BNG, mentres que PP e PSdeG-PSOE se abstiveron, ao non estaren de acordo coa proposta do galeguista de que "os grupos municipais lle esixan a todos os seus membros a práctica oral e escrita do galego en todas as súas intervencións públicas".

Por outra parte, todos os grupos municipais condenaron os atentados sufridos por David Giráldez, concelleiro de Nigrán, e por Domingos Solla, membro da Entidade Menor de Morgadáns (Gondomar), ao tempo que expresaron a súa solidariedade cos afectados e as súas familias e requeriron "a máxima prioridade e dilixencia" na investigación para o esclarecemento dos feitos.

No tocante ao Urbanismo, o Pleno deu por iniciado un novo expediente de revisión de oficio para a declaración de nulidade do convenio entre o Concello de Vigo e Miraflores.

Por último, na área de Asuntos Sociais, aprobouse, coa soa abstención do BNG, un acordo polo que se nomea a rúa Baixada a Samil como rúa de Antonio Nieto Figueroa "Leri". En cambio, o Pleno deu o seu visto bo de maneira unánime ao nomeamento do complexo deportivo municipal existente na praia de Samil co mesmo nome.
Descargar todas as imaxes