Escoitar

O movemento asociativo celebra esta fin de semana a Festa Veciñal e a Festa dos Voluntarios

Castrelos acolle, o sábado 17 e o domingo 18, a Festa Veciñal 2005, organizada pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao. O sábado, ademais, terá lugar en Bembrive a Festa dos Voluntarios da Asociación Cultural e Deportiva Xestas.

venres, 16 set 2005
1126876735chao.jpeg
Festa Veciñal
A Festa Veciñal 2005, ademais de ser un evento corporativo no que se encontran todos os integrantes das asociacións veciñais de Vigo, pretende condensar nunha fin de semana o estilo de vida característico deste movemento, que traballa polo desenvolvemento integral da cidade e pola mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

A festa comezará o sábado 17 ás 17:00. O domingo 18 a celebración principiará ás 11:00 e prolongarase ata as 20:30. Durante estas dúas xornadas haberá lugar para actividades destinadas a pequenos, novos e maiores. Con elas preténdese que os asistentes participen, convivan e aprendan pasándoo ben.

Así, os que vaian á Festa Veciñal 2005 poderán gozar de obradoiros, animación infantil, actuacións musicais e xogos populares e para a igualdade. Ademais, poderán coñecer e participar no movemento veciñal e transnoitar na Festa-Serán popular con chourizos e chocolate gratuítos, mentres os máis novos participan en actividades nocturnas especialmente pensadas para eles.

Este evento, que conta cunha achega municipal de 5.000 euros, reflicte a forte implantación do movemento asociativo en Vigo, o que demostran a participación de 33 asociacións na Federación Veciñal e a presenza de 806 colectivos rexistrados.

Festa dos Voluntarios

Por outra parte, a Asociación Cultural e Deportiva Xestas de Bembrive celebra o sábado 17 na pista de petanca de Xestoso a segunda edición da súa Festa dos Voluntarios, coa que as entidades que forman parte dela premian o labor dos voluntarios que ao longo do ano fan posible a realización das súas actividades, entre as cales están a cabalgata de Reis, o Entroido e a Batalla de Flores.

A festa, dirixida tamén a colaboradores, socios, entidades federadas, invitados e á cidadanía en xeral, é tamén unha maneira de agradecer a colaboración de institucións, particulares e empresas no traballo da agrupación, así como unha forma de recoñecer a especial implicación ao longo do ano dalgunha das entidades federadas. Nesta edición o recoñecemento será para unha entidade que cumpre o seu 25º aniversario.

A celebración comezará ás 20:30, hora a partir da cal se entregarán os agasallos a uns 150 voluntarios, así como aos colaboradores e á entidade federada obxecto de recoñecemento. Despois actuarán o grupo de gaitas Nautilius, de Comesaña, o conxunto folk O Son das Ondas, de Bembrive, e a Asociación de Danzas do Mundo Monteira.
1126876735chao.jpeg
1126876765volun1609.jpeg
1126876789volun16092.jpg
Descargar todas as imaxes