Escoitar

O Goberno local cre que os prazos do PXOM se poden cumprir "perfectamente"

O portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa, situou hoxe xoves a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) a finais deste ano. O concelleiro do PP considera que os prazos da tramitación do PXOM "se poden cumprir perfectamente".

xoves, 15 set 2005
1126791930xerencia1509.jpg
Figueroa explicou que a partir do próximo martes serán estudadas as 108 alegacións tipo, que supoñen un total de 55.000 sinaturas. Despois será a vez das restantes alegacións, as 4.114 que se presentaron de maneira individual.

O portavoz municipal informou de que a partir do 15 de outubro o equipo redactor terá un mes para elaborar o documento que recollerá as conclusións da Comisión de Seguimento do PXOM, que enviará á Xunta, finalizado este prazo, o correspondente informe.

Deste xeito, José Manuel Figueroa dixo esperar que "a finais de ano" o PXOM será aprobado provisionalmente. Segundo o concelleiro, isto é "necesario" porque "hai empresas que queren instalarse na nosa cidade e precisan solo industrial".

Xerencia de Urbanismo

Por outra parte, o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo debateu hoxe xoves sobre a suspensión de licenzas pola aprobación inicial do novo PXOM. O xerente de Urbanismo, Xavier Rivas, considerou necesario suspender licenzas nos casos en que se modifiquen as previsións do Plan.

O representante do PSdeG-PSOE Mauricio Ruiz dixo que "se os criterios de edificabilidade cambian dun Plan a outro hai que suspender licenzas". Pola súa parte, Xabier Toba, do BNG, apuntou que a instrucción para a interpretación do acordo de suspensión de licenzas "debeuse de facer en maio como moi tarde", aínda que se manifestou "basicamente de acordo" co seu contido. Manoel Soto, polo PG, avogou por unha "interpretación lata" desta materia.

Outros puntos da orde do día que recibiron a aprobación do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo e sobre os que decidirá a Xunta de Goberno Local foron as aprobacións iniciais do PERI dos polígonos "U.E. i-03 Metalúrxica" e "U.E. I-04 Unión Cervexeira", e dos proxectos de urbanización e expropiatorio na rúa Cayetano Pereira de Limia (Bouzas) entre as rúas Santa Ana e Ensenada.

Tamén resultou aprobada, de maneira derfinitiva, a modificación do proxecto de urbanización do polígono na avenida de Galicia, así como a recepción das obras de urbanización da rúa Asturias, entre a rúa Pino e a Travesía de Vigo.
Descargar todas as imaxes