Escoitar

O Teatro Fraga acolle os Premios Veo Veo Galicia os días 24, 25 e 26

Os Premios Veo Veo Galicia 2005, unha iniciativa da Fundación Teresa Rabal, celebraranse no Teatro Fraga Caixa Galicia os días 24, 25 e 26 de xuño. Neles participarán nenos con aptitudes artísticas que optarán a bolsas de estudo para mellorar a súa formación.

mércores, 22 xuñ 2005
1119445285rabal2206.jpeg
O concelleiro de Cultura, Ignacio López Chaves, presentou hoxe mércores xunto a Teresa Rabal os Premios Veo Veo Galicia 2005, que se desenvolverán os días 24, 25 e 26 de xuño no Teatro Fraga Caixa Galicia de Vigo. Na rolda de prensa tamén estiveron Francisca Canal, deputada provincial, e María Luisa Andrade, de Caixagalicia, para mostraren o apoio das súas institucións a esta iniciativa.

Os Premios Veo Veo naceron en 1995 da man de Teresa Rabal e Eduardo Rodrigo e hai sete anos convertéronse nun evento internacional, no cal participan nenos con aptitudes artísticas de varios países. Os nenos que participan no Festival de Vigo, repartidos nun total duns 400 números musicais, optan ás bolsas que outorga a Fundación Teresa Rabal, das que se benefician máis de 3.300 nenos.

Algúns dos participantes nos Premios Veo Veo téñense convertido en artistas coñecidos ou van camiño de o facer. Tal é o caso de Los Caños, Tess, La Década, Lara, Raúl Fernández e outros. Os premiados no certame galego teñen a oportunidade de competir polos premios nacionais, nos que toman parte nenos de toda España e a través dos cales se accede aos premios internacionais. Precisamente os gañadores das dúas últimas edicións galegas gañaron os premios españois. Ademais, os premiados galegos poden mellorar a súa formación musical con cursos en España e no estranxeiro.

Segundo explicou Teresa Rabal, os Premios Veo Veo "non son un festival para lanzar nenos ao estrelato", xa que "os nenos non deben ser usados para o espectáculo, senón que teñen que formarse para no día de mañá dedicarse ao mundo da arte ou a outra cousa". Teresa Rabal agradeceu a axuda que prestan o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para a celebración deste festival.

O venres 24 de xuño terá lugar a primeira semifinal, o sábado 25 a segunda e o domingo 26 a gran final. Todas as sesións comezarán ás 21:00. A final será gravada pola Televisión de Galicia e emitida nun día aínda por determinar. A principal novidade do Festival é a participación como animadores de dous bonecos virtuais, Viruta e Gus, "moi divertidos", segundo adiantou Teresa Rabal. O evento será presentado pola propia Teresa Rabal e mais polo actor galego Miguel Lago.
Descargar todas as imaxes